Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3190

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 197/2016, do 29 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito A-52-N-525, de clave OU/08/053.01.1, nos concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela.

Antecedentes.

Con data do 10 de outubro de 2014 foi aprobado definitivamente o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, de clave OU/09/283.00, que incluía esta vía.

Mediante Resolución do 28 de outubro de 2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula o informe de impacto ambiental do proxecto referenciado.

O 6 de novembro de 2015 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 212) o Anuncio do 29 de outubro de 2015 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito: A-52-N-525, de clave OU/08/053.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise dos informes, alegacións e certificados, o 7 de xuño de 2016, apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito: A-52-N-525, de clave OU/08/053.01.1.

Este proxecto ten por obxecto a execución da conexión entre a autovía A-52 e a estrada N-525, cunha nova infraestrutura viaria que suporá o primeiro treito dunha actuación máis ampla que mellore a conexión entre os polígonos industriais e os eixes de gran capacidade. Na actualidade, os vehículos que circulan entre a A-52 e o polígono de San Cibrao das Viñas ou o Parque Tecnolóxico vense obrigados a transitar por treitos da N-525 para chegar ao seu destino.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación: da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito: A-52-N-525, de clave OU/08/053.01.1.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda