Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2017 Páx. 2443

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas durante os anos 2017-2018 e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 328791.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Bolsas de formación en oficinas de información turística (8 bolsas) para promoción e información turística: titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan a titulación Grao en turismo; Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas; Técnico Superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos ou titulación homologada equivalente. Deben posuír un certificado B1 ou superior do Marco Común de Referencia para as Linguas.

Bolsas de formación na Área de Estudos e Investigación: bolsa A, especialidade de estatística (1 bolsa) para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística: titulados/as con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan calquera titulación superior.

Para calquera das dúas modalidades de bolsa, as persoas beneficiarias deben ter obtido a titulación nos catro anos naturais inmediatamente anteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria e deben estar en posesión do título Celga 4 de lingua galega.

Segundo. Obxecto

As bolsas en oficinas de turismo permitiranlles ás persoas tituladas acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e as habilidades en materias vinculadas co turismo. A bolsa correspondente á Área de Estudos e Investigación da Axencia Turismo de Galicia permitiralles aos titulados/das en diversas materias ampliar a súa experiencia e os coñecementos sobre o turismo de Galicia no campo da investigación e análise de datos deste mercado.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia durante os anos 2017 e 2018 e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe e duración

Oito bolsas para a formación práctica en oficinas de turismo: a dotación de cada bolsa será de 4.500,00 euros en total e terán unha duración máxima de seis meses.

Unha bolsa na Área de Estudos Turísticos: a dotación será de 13.800,00 euros en total e terá unha duración máxima de doce meses.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia