Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2017 Páx. 2117

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 15 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado de segundo e posteriores cursos matriculado nas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso 2016/17, nas ramas de coñecemento afectadas polos cambios de requisitos académicos introducidos polo Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño (Boletín Oficial del Estado número 160, do 5 de xullo).

BDNS (Identif.): 328634.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado de segundo e posteriores cursos matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nas ramas de coñecemento afectadas polos cambios de requisitos académicos introducidos polo Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño (BOE número 160, do 5 de xullo), nunha universidade do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2016/17.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 200.000 euros.

A dotación asignada a cada beneficiario/a será a do importe total da matrícula, incluídas as taxas, que é dun máximo de 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Enxeñaría e Arquitectura e grao en Belas Artes e dun máximo de 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, tal e como se recolle no Decreto 80/2016, do 23 de xuño (DOG número 131, do 12 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2016/17.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria