Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56789

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 27 de decembro de 2016 pola que se amplían os importes para o financiamento das axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2016/17.

Mediante a Orde do 27 de abril de 2016 (Diario Oficial de Galicia do 16 de maio), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria regula a participación no fondo solidario de libros de texto e convócanse axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2016/17.

O artigo 7.3 desta orde establece que as axudas para adquirir o material escolar serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.423A.480.0, por importe total de 3.300.000,00 euros para o ano 2016, e na contía de 400.000,00 euros para o ano 2017, e que se poderán ampliar, se for o caso, conforme o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Como consecuencia da existencia de remanentes no mesmo servizo e tendo en conta que estas axudas non están sometidas ao réxime de concorrencia competitiva, e que o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único. Incrementar o importe para financiar as axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2016/17, nun millón cincocentos cincuenta mil trescentos euros (1.550.300,00 euros), de acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 27 de abril de 2016 (Diario Oficial de Galicia do 16 de maio).

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria