Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2016 Páx. 56370

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2017.

BDNS (Identif.): 326886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de produtores, conforme a definición do artigo 2.1 (consellos reguladores e entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores), que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos dos que se recollen no artigo 2.2 da orde (denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas, especialidades tradicionais garantidas e produción ecolóxica) e que se refiren a produtos cubertos por un réxime de calidade dos apoiados na submedida 3.10 do PDR de Galicia 2014-2020.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2017 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2017.

Cuarto. Importe

Trátase de subvencións a fondo perdido que poden chegar ata o 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns seiscentos oitenta e sete mil euros (2.687.000 euros) para a anualidade 2017 e un millón douscentos mil euros (1.200.000 euros) para a anualidade 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2016

María del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural