Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2016 Páx. 55859

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 326251.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 115.000 euros, das aplicacións orzamentarias seguintes:

– 10.A1.432B.460.0: 40.000 euros.

– 10.A1.432B.470.0: 40.000 euros.

– 10.A1.432B.481.0: 35.000 euros.

A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local, e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais