Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2016 Páx. 55444

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de novembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece no punto 1 da epígrafe A do capítulo II que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente como pertencentes á clase A, B ou C consonte o Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

O Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establece na epígrafe A do capítulo II do anexo II as condicións para a clasificación das zonas de produción e reinstalación de moluscos bivalvos vivos.

A localización e os límites das zonas de produción e de reinstalación clasificadas corresponde á Consellería do Mar.

A Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia foi modificada pola Orde do 19 de xullo de 2010 como consecuencia dunha profunda revisión dos resultados das análises e controis efectuados nas diferentes zonas de produción e, posteriormente, polas ordes do 14 de marzo de 2011, do 6 de xullo de 2011, do 28 de xullo de 2011, do 23 de novembro de 2011, do 8 de marzo de 2012, do 5 de outubro de 2012, do 24 de abril de 2013, do 24 de xullo de 2015 e a do 28 de outubro de 2015. Os controis para a aplicación da normativa sobre a calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura son realizados pola Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

O artigo 6 da Orde do 8 de setembro de 2006 establece que cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería do Mar procederá a revisar a clasificación da devandita zona. Igualmente, poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan a redución da contaminación ou ben que novos impactos provocan un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de E. coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.

Nos resultados dos controis realizados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes dos que determinaron a clasificación e a delimitación das zonas establecidas no anexo I e representadas nos mapas do anexo II da Orde do 19 de xullo de 2010, que modifica a Orde do 8 de setembro de 2006.

En virtude do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como segue:

Un. O anexo I (moluscos bivalvos), no que se refire aos límites e clasificación da zona de produción GAL 1/06-2 (parte media da ría de Viveiro) queda redactado do seguinte xeito:

Área de produción

Límites da zona

Coordenadas
UTM (ED-50)

Clase

Comentario

GAL 1/06-2

Parte media da ría de Viveiro

Zona comprendida entre a liña imaxinaria que une a punta externa do porto de Celeiro coa Pena de Roo e a liña que pasa pola ponte da Misericordia

(612735, 4837720)

(611865, 4837495)

(613270, 4835565)

(613130, 4835625)

C

Estable

Dous. O anexo II (moluscos bivalvos) no que se refire ao mapas para a zona de produción GAL 1/06-2, queda tal e como se indica no mapa que se xunta a esta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file