Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 5 de decembro de 2016 Páx. 53658

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2016, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o día 30 de novembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde do 13 de abril de 2016 (DOG núm. 74, do 19 de abril) designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 16 de xuño de 2015 (DOG núm.114, do 18 de xuño), e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Realizar os trámites oportunos para publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes que se presentaron ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Rexistro Xeral e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal .

Segundo. Que, de acordo co establecido na base II.1.3 da orde da convocatoria, superaron o segundo exercicio os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos.

Terceiro. De acordo con disposto na base II.2.7 da orde da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.5. da convocatoria, os aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinais ou fotocopias compulsadas) de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.4 da convocatoria, o terceiro exercicio da fase de oposición terá lugar o día 22 de decembro de 2016, e o lugar de realización será na Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), nas aulas 2 e 11, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderá interpoñerse recurso de alzada nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2016

Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal