Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 24 de novembro de 2016 Páx. 52525

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade á encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización de controis sobre os proxectos efectuados mediante subvención concedida con base na Orde do 23 de decembro de 2015.

De conformidade co artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización, a través do seu persoal técnico, dos controis administrativos que deban realizarse sobre os proxectos subvencionados en virtude da Orde do 23 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Entidade encomendante: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Entidade encomendada: Axencia Galega de Infraestruturas.

Actividade a que se refire e alcance: realización dos controis administrativos que deban realizarse sobre os proxectos subvencionados en virtude da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Natureza da encomenda: carácter gratuíto.

Prazo de vixencia da encomenda: dous anos.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza