Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 21 de novembro de 2016 Páx. 51953

II. Autoridades e persoal

c) Substitucións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de novembro de 2016 pola que se dispón que a Secretaría Xeral da Presidencia se encargue do despacho dos asuntos da Secretaría Xeral para o Deporte.

Por medio do Decreto 149/2016, do 17 de novembro, disponse o cesamento, por pase a outro destino, do secretario xeral para o Deporte, polo que cómpre prover a súa suplencia, sen prexuízo do posterior nomeamento dos novos titulares, de forma que se asegure o correcto funcionamento dos servizos e a resolución, se é o caso, dos asuntos encomendados á devandita secretaría xeral.

Xa que logo, ao abeiro do establecido no artigo 12.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na disposición adicional primeira do Decreto 88/2013, do 30 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no artigo 3.1 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1

O exercicio das competencias da Secretaría Xeral para o Deporte previstas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, será asumido polo secretario xeral da Presidencia ata que se produza a incorporación do novo titular ao devandito órgano.

Artigo 2

Sempre que se exerzan competencias de acordo coa suplencia establecida nesta orde, deberá facerse constar así nos actos ou resolucións administrativas correspondentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza