Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 18 de novembro de 2016 Páx. 51481

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 156/2016, do 3 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada Ordes-Cerceda por Virís, de titularidade municipal, a prol da Xunta de Galicia.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Concello de Cerceda asinaron un acordo o día 25 de maio de 2016 para o cambio de titularidade dun treito da estrada Ordes-Cerceda por Virís, delimitado entre o LTM de Ordes e a glorieta situada antes do Aquapark de Cerceda, cunha lonxitude de 3,1 km.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de novembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol da Xunta de Galicia:

– Treito da estrada Ordes-Cerceda por Virís, delimitado entre o LTM de Ordes e a glorieta situada antes do Aquapark de Cerceda, cunha lonxitude de 3,1 km.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Xunta de Galicia deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle á Xunta de Galicia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda