Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 14 de novembro de 2016 Páx. 50250

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2016, do Servizo da Delegación Provincial de Lugo, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e ofrecemento de mutuo acordo, polo trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto modificado número 1 do proxecto de actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela, no termo municipal de Burela (clave LU/06/048.03.1. M1).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 21 de xullo de 2011, a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aproba o proxecto de construción: actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

Con data do 5 de setembro de 2013, a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos necesarios para efectos de expropiación para a mencionada obra mediante o Decreto 145/2013, publicado no DOG núm. 178, do 18 de setembro.

Con data do 27 de xuño de 2016, o director da Axencia Galega de Infraestruturas aproba o proxecto modificado nº 1 do proxecto de actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1. M1).

Na súa virtude e en cumprimento do disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo provincial, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolve convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, data e horas que se citan, para o levantamento das actas previas á ocupación e ofrecemento de mutuo acordo, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello de Burela:

Día: 2 de decembro de 2016.

Lugar: salón de plenos da Casa do Concello (r/ Eijo Garay, 20).

Horario: das 10.00 ás 10.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes, estarán expostos no Concello de Burela e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e último recibo da contribución, e poderán ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notario.

Así mesmo, en cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial de Lugo da Axencia Galega de Infraestruturas, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Lugo, 25 de outubro de 2016

Gerardo Pallares Sánchez
Xefe do Servizo da Delegación Provincial de Lugo