Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2016 Páx. 49803

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2016

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 13/2015,
do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 18 de marzo de 2016, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación con determinados preceptos da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, ambas as partes considéranas liquidadas no referente ao seu artigo 15, de conformidade cos seguintes compromisos e consideracións:

En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 15, ambas as partes coinciden en considerar que coa entrada en vigor do Real decreto 1057/2015, do 20 de novembro, polo que se modifica o regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, en materia de arrendamento de vehículos con condutor, para adaptalo á Lei 9/2013, do 4 de xullo, pola que se modifica a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e a Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea, e de conformidade co disposto no artigo 18.2.a) 1º da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, eliminouse o requisito de dispoñer dun local físico dedicado á actividade de arrendamento de vehículos con condutor, por limitar a liberdade de establecemento e circulación.

En consecuencia, as partes entenden que a recta interpretación do disposto no número 2 do artigo 15 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, implica que, dado que devandito precepto se limita a eximir da exixencia de dispoñibilidade de local dedicado en exclusiva á actividade de alugamento de vehículos con condutor, mentres non se proceda á transmisión inter vivos das autorizacións de alugamento de vehículo con condutor resultantes da conversión a que se refire o número 1; nos casos en que tal transmisión se produza e na concesión de calquera autorización para prestar servizos de alugamento con condutor, tampouco será exixible o devandito requisito, de conformidade coa modificación da normativa estatal a que se refire o parágrafo anterior.

Segundo. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 30 de setembro de 2016

Cristóbal Montoro Romero
Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza