Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2016 Páx. 49207

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de outubro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 249, do 31 de decembro, e se modifica o artigo 16 das bases reguladoras.

O día 31 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316).

No artigo 16 das bases reguladoras da antedita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria e terá de prazo máximo ata o 14 de novembro de 2016 (inclusive). O elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e de resolución dos respectivos expedientes. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 15 de decembro de 2016 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 28 de decembro de 2015, de rehabilitación con granito das fachadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Modificación da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316A)

O número 1 do artigo 16 da Orde do 28 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, queda redactado da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, cun prazo máximo ata o 15 de decembro de 2016 (inclusive), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, e non será necesario esgotar o prazo máximo.

Cando non se achegue a documentación directamente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, deberase comunicar a presentación mediante fax, número 981 54 55 15, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, dentro do prazo de xustificación, e indicar o código de solicitude e entrada no rexistro. Asemade e para os efectos de axilizar a tramitación administrativa, neste caso poderase remitir a documentación presentada ao enderezo electrónico cei.dxiem.axudasminas@xunta.es».

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria