Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2016 Páx. 48389

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2016 pola que se abre un período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Xerencia de Xestión Integrada de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Hospital Povisa, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a Administración determine do Concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, por resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social que ten a obriga de protexer poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

A través da Instrución 7/2014 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, do 1 de setembro, estableceuse que o período anual de elección sería entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto citado anteriormente.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio da presente,

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como os dos centros de saúde de Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e Rosalía-Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo ou ser asignados á area de Povisa, como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuarase pola persoa autorizada ou mediante titor/a legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo da persoa solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do/da interesado/a.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, se é o caso, orixinal da autorización específica do/a interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición.

Terceiro. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando teña iniciado un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas superen o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignadas segundo o concerto.

Cuarto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro da presente resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada será o comprendido entre o 1 e o 30 de novembro de 2016.

Quinto. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2016

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file