Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 25 de outubro de 2016 Páx. 47648

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 135/2016, do 6 de outubro, polo que se regulan a estrutura e a organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Convención das Nacións Unidas sobre o dereito do mar destaca a obriga dos Estados de protexer e preservar o medio mariño, para o que deberán tomar todas as medidas para previr, reducir e controlar a contaminación do medio mariño procedente de calquera fonte. Para estes efectos, promove que os Estados utilicen os medios máis viables dos que dispoñan e harmonicen as súas políticas ao respecto.

O intenso tráfico marítimo, xunto coas actividades antropoxénicas asociadas ao litoral de Galicia, supón un risco potencial de contaminación das zonas costeiras. Neste contexto, a cidadanía debe contar coa seguridade de que se establecen os mecanismos necesarios para a protección dos bens con importancia socioeconómica e ambiental ante episodios de contaminación accidental.

O Convenio internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90), en vigor en España desde o 13 de maio de 1995, e o seu Protocolo sobre substancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), en vigor en España desde o 14 de xuño de 2007, teñen como obxectivo a cooperación internacional e a asistencia mutua en incidentes maiores de contaminación mariña, e o desenvolvemento e mantemento nos Estados parte da adecuada capacidade de preparación e resposta a emerxencias de contaminación mariña. Ambos os dous establecen a obriga de elaborar plans específicos de preparación e loita contra a contaminación en que se teñan en conta as directrices elaboradas pola Organización Marítima Internacional. Para cumprir con estas obrigas a Administración estatal aprobou o Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña, aprobado polo Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro.

A Constitución española habilita as comunidades autónomas para establecer normas adicionais de protección do ambiente. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, de acordo co disposto no Estatuto de autonomía no artigo 27, punto 30, a competencia exclusiva de establecer «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23». Así mesmo, no artigo 29, punto 4, Galicia asumiu a competencia autonómica para a execución da lexislación do Estado en materia de «verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego».

A xestión das continxencias por contaminación marítima accidental en Galicia incúmbelles, no seu ámbito de competencias, á Consellería do Mar, á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, á Consellería de Sanidade e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Á Consellería do Mar correspóndelle, entre outras, desenvolver a coordinación das competencias nas materias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, a elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental e a planificación de actividades de prevención desta. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, atribúe á Consellería do Mar, nos seus artigos 119 e 125, a competencia nas materias de apoio á frota pesqueira, de prestación dos servizos de busca, rescate e salvamento marítimo, así como da prevención e loita contra a contaminación do medio mariño.

Á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio correspóndelle, entre outras, a avaliación e o control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a participación no desenvolvemento de plans de continxencia fronte a catástrofes naturais ou antropoxénicas, así como a autorización das obras e instalación de verteduras desde terra ás augas do litoral galego e o exercicio das funcións de policía sobre estes.

Á Consellería de Sanidade correspóndenlle, entre outras, as intervencións que supoñan exercicio de autoridade, necesarias para garantir a tutela xeral da saúde pública.

Á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza correspóndenlle, entre outras, as competencias relativas ás materias de atención de emerxencias e protección civil, interior e seguridade.

No ano 2003 elaborouse o Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan básico de continxencias por contaminación mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia, co fin de establecer un conxunto de normas e procedementos de actuación, así como definir órganos competentes que constituísen o sistema de resposta das administracións públicas fronte a unha situación de contaminación mariña por unha vertedura terra-mar nas rías de Galicia. A publicación do primeiro Plan de continxencias por contaminación mariña nas rías de Galicia realizouse mediante a Orde do 26 de outubro de 2004.

No ano 2006, a Xunta de Galicia aprobou o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña de Galicia, que inclúe e amplía o ámbito territorial do anterior a toda a costa de Galicia, polo que se viu a conveniencia de derrogar o primeiro Plan de continxencias por contaminación mariña nas rías de Galicia, así como o Decreto 438/2003. Este plan foi publicado pola Resolución do 23 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

No ano 2012, tendo en conta o novo escenario normativo derivado da entrada en vigor do Protocolo OPRC-HNS 2000, e a experiencia acumulada, así como os avances tecnolóxicos e melloras habidas na loita contra a contaminación mariña, fíxose necesaria a revisión do marco xeral de actuación a nivel autonómico ante un suceso de contaminación mariña accidental, co obxecto de mellorar a eficacia na resposta. Esta revisión culminou coa publicación do Decreto 155/2012, do 5 de xullo, polo que se regula a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa aprobación por acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do 27 de setembro de 2012, do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia, Plan Camgal, publicado mediante a Resolución do 28 de setembro de 2012.

Na actualidade, atendendo á vixencia do Plan Camgal segundo o recolle o artigo 6 do Decreto 155/2012, do 5 de xullo, á experiencia acumulada na súa implementación e tendo en conta o novo escenario normativo derivado da entrada en vigor do Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña, faise necesaria a reestruturación da organización da resposta ante un episodio de contaminación mariña accidental en Galicia.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira do Mar, da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do conselleiro de Sanidade e do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto regular a estrutura e a organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, Plan Camgal), así como establecer as disposicións xerais, a organización operativa e as medidas para a súa implantación.

2. O Plan Camgal defínese como aquel plan deseñado e elaborado polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia, en que se establecen as normas e os procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un suceso de contaminación mariña accidental definido segundo o establecido no artigo 2.a) do Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña, aprobado polo Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro, calquera que sexa a súa orixe ou natureza, que afecte ou poida afectar o litoral galego.

Artigo 2. Subsistemas de resposta e plans de continxencia

Para os efectos do presente decreto, os subsistemas de resposta e os plans de continxencias serán os definidos no artigo 3 do Sistema nacional de resposta.

CAPÍTULO II

O Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental
da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Camgal)

Artigo 3. Obxectivos

1. O obxectivo fundamental do Plan Camgal é obter a máxima protección para as persoas, ambiente e os bens que resulten ou poidan resultar afectados en calquera continxencia derivada de sucesos relacionados coa contaminación mariña accidental, tal e como se define no artigo 1.2.

2. Defínense como obxectivos específicos os seguintes:

a) Planificar e coordinar, no ámbito das súas responsabilidades, en relación co grao de resposta axeitado, as actuacións dos medios materiais e humanos adscritos ao Plan Camgal coas actuacións dos distintos medios capaces de realizar operacións de loita contra a contaminación mariña accidental, pertencentes ás diversas administracións, así como a institucións públicas e privadas. De ser o caso, poderase solicitar a mobilización de medios adscritos aos plans de ámbito estatal, segundo establece o artigo 7.2 do Sistema nacional de resposta.

b) Potenciar a utilización axeitada e a mellora dos medios de loita contra a contaminación mariña accidental adscritos ao Plan Camgal, así como fomentar a capacitación de persoal especializado a nivel territorial.

Artigo 4. Contido

O contido e os órganos de dirección e resposta do Plan Camgal deberán axustarse aos criterios básicos establecidos nos artigos 5 e 6 do Sistema nacional de resposta.

Artigo 5. Elaboración e aprobación

A elaboración e aprobación do Plan Camgal farase conforme o establecido no artigo 4.3 do Sistema nacional de resposta. En concreto, o Plan Camgal será elaborado pola consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental e aprobado mediante resolución do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Vixencia

1. Unha vez aprobado, o Plan Camgal terá unha vixencia de cinco anos e será sometido a revisión antes de que remate o dito prazo. Para tal efecto, crearase unha comisión de traballo en que estarán representadas as administracións implicadas no Plan Camgal e que realizará os traballos de revisión e seguimento de resultados na aplicación práctica do Plan. A comisión de traballo deberá presentar o novo texto á consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental, dentro dos tres meses anteriores ao vencemento do Plan Camgal vixente. A revisión do Plan Camgal será aprobada mediante resolución do Consello da Xunta de Galicia.

2. Ademais das revisións periódicas establecidas no punto anterior, o Plan Camgal poderá ser actualizado en calquera momento, por proposta das administracións implicadas nel, como consecuencia dos cambios lexislativos que obriguen á actualización deste ou dos avances tecnolóxicos ou melloras que se produzan na loita contra a contaminación mariña. As actualizacións non supoñerán cambios na estrutura e na organización do Plan.

CAPÍTULO III

Organización operativa do Plan Camgal

Sección 1ª. Órganos de dirección e resposta do Plan Camgal

Artigo 7. Presidencia e dirección

1. A presidencia do Plan Camgal correspóndelle á persoa titular da consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental e ten a responsabilidade de garantir a existencia dos marcos, lexislativo e administrativo, necesarios para o funcionamento, a implementación e o mantemento do Plan Camgal.

2. A dirección do Plan Camgal correspóndelle á persoa titular do órgano de dirección que, dentro da consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental, teña atribuídas as funcións relativas á dita materia. Será a autoridade responsable da dirección das actuacións necesarias desde a activación do Plan ata o final da emerxencia.

Artigo 8. Órganos de resposta

1. Son órganos de resposta no Plan Camgal:

a) O Centro de Coordinación Operativa.

b) Os grupos operativos de resposta.

c) As unidades de apoio.

d) Outros que se consideren.

2. As funcións e a forma e o lugar de constitución dos órganos de actuación serán desenvolvidas no Plan Camgal.

3. A estrutura de resposta estará limitada no tempo, xa que unicamente funcionará mentres dure a continxencia e o Plan Camgal estea activado.

4. As designacións nos órganos regulados neste decreto faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres na súa composición.

Artigo 9. O Centro de Coordinación Operativa

1. O Centro de Coordinación Operativa é o órgano de actuación encargado de decidir todas as operacións necesarias para facer fronte á continxencia e de manter a relación institucional con outros organismos das distintas administracións, así como coas demais entidades que participan na loita contra a contaminación.

2. Formarán parte do Centro de Coordinación Operativa:

a) O/a director/a do Plan.

b) Os/as coordinadores/as de operacións.

3. Tamén formarán parte do Centro de Coordinación Operativa, sempre que a continxencia o requira:

a) Os integrantes do Comité de Dirección.

b) Os integrantes do Comité Técnico Asesor.

Artigo 10. O Comité de Dirección

1. O Comité de Dirección ten como misión asistir a persoa titular da dirección do Plan na toma de decisións no Centro de Coordinación Operativa, sempre que a continxencia o requira.

2. O Comité de Dirección estará integrado por:

a) Unha persoa representante da consellería competente na materia de protección civil.

b) Unha persoa representante da consellería competente na materia de calidade ambiental.

c) Unha persoa representante da consellería competente na materia de sanidade.

d) Unha persoa representante da autoridade competente na materia portuaria da zona afectada.

e) Unha persoa representante da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

f) Unha persoa representante da Dirección de Operacións da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar).

g) Unha persoa representante da Demarcación de Costas en Galicia.

h) Unha persoa representante da Delegación do Goberno.

i) Unha persoa representante do/s concello/s afectado/s.

j) Unha persoa responsable do/s plan/s marítimo/s interior/es afectado/s.

3. Cando a natureza da emerxencia ou catástrofe o requira, a persoa titular da presidencia ou a persoa titular da dirección do Plan poderán determinar que formen parte do Comité de Dirección outros membros distintos dos descritos neste artigo.

Artigo 11. O Comité Técnico Asesor

1. O Comité Técnico Asesor é o órgano que desenvolve funcións de asesoramento técnico e científico no Centro de Coordinación Operativa, sempre que a continxencia o requira, baseado na información que lle chegue dos grupos operativos de resposta e das unidades de apoio.

2. O Comité Técnico Asesor estará integrado por persoal da Administración autonómica con competencia técnica en función da natureza da emerxencia. Así mesmo, poderán formar parte deste comité representantes das universidades galegas, do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía.

3. Cando a natureza da emerxencia ou catástrofe o requira, a persoa titular da presidencia ou a persoa titular da dirección do Plan poderá determinar que formen parte do Comité Técnico Asesor outros membros con competencia técnica na materia distintos dos prescritos neste artigo.

4. Para poder formar parte deste comité, no caso das universidades galegas e do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, estas deberán nomear unha persoa representante e comunicalo á consellería competente na materia de asuntos marítimos e loita contra a contaminación mariña accidental.

Artigo 12. As persoas coordinadoras de operacións

1. No Plan Camgal serán designadas dúas persoas encargadas da coordinación de operacións, unha para as operacións no subsistema marítimo (en diante, mar) e outra para as operacións no subsistema costeiro (en diante, terra), co fin de dirixir as distintas operacións de loita contra a contaminación e coordinar as accións dos diferentes grupos de resposta.

2. Para prestar apoio in situ ás persoas encargadas da coordinación de operacións poderán establecerse centros de mando avanzado no mar e en terra.

Artigo 13. Os grupos operativos de resposta

1. Os grupos operativos de resposta serán os encargados de desenvolver as operacións de loita contra a contaminación: contención e recollida, limpeza e recuperación dos ecosistemas e instalacións afectados, xestión dos residuos e demais misións auxiliares necesarias.

2. Estarán formados por persoal e medios especializados. Constituirase un grupo de resposta no mar e un grupo de resposta en terra.

Artigo 14. As unidades de apoio

1. As unidades de apoio son os órganos de actuación encargados de proporcionar soporte específico tanto ao Centro de Coordinación Operativa como aos diferentes grupos operativos, achegándolles información e medios humanos e materiais, para facilitar un mellor desenvolvemento da resposta.

2. Forman parte das unidades de apoio:

a) Un gabinete de relacións públicas.

b) A Unidade de Observación Próxima.

c) A Unidade de Documentación e Apoio Científico.

3. Cando a natureza da emerxencia ou catástrofe o requira, a persoa titular da presidencia ou a persoa titular da dirección do Plan poderá determinar outras unidades de apoio distintas das descritas neste artigo.

Sección 2ª. Procedemento de activación e desactivación do Plan Camgal

Artigo 15. Fases e situacións de emerxencia

As fases e situacións de emerxencia estableceranse segundo os criterios descritos no artigo 7 do Sistema nacional de resposta.

Artigo 16. Niveis de resposta do Plan Camgal

1. A activación do Plan Camgal guiarase polos seguintes niveis de resposta:

a) Alerta (Situación 0): darase cando se sospeite que algún tipo de contaminación significativa pode chegar á zona costeira, tanto procedente do mar como de instalacións en terra. A activación dun plan interior marítimo en fase de emerxencia ou a activación dun plan local supoñerá a declaración en fase de alerta do Plan Camgal.

b) Emerxencia: darase cando algún tipo de contaminación significativa chegue á zona costeira, tanto procedente do mar como de instalacións en terra.

1º. Emerxencia nivel mínimo (Situación 1): darase cando o episodio de contaminación sexa de pequena gravidade e extensión, caracterizado por algunha das seguintes circunstancias:

i) Que os medios dispoñibles nos plans interiores marítimos e/ou locais activados resulten insuficientes para combater a contaminación.

ii) Que a contaminación tivese lugar fóra do ámbito de aplicación dos plans interiores marítimos e/ou locais.

2º. Emerxencia nivel medio (Situación 2): darase cando o episodio de contaminación sexa de gravidade ou extensión media, caracterizado por algunha das seguintes circunstancias:

i) Que a contaminación afecte ou poida afectar o ámbito de dous ou máis plans locais ou interiores marítimos.

ii) Que os medios dispoñibles na situación 1 sexan insuficientes.

iii) Que pola especial vulnerabilidade da zona afectada ou ameazada se considere necesario.

3º. Emerxencia nivel máximo (Situación 3): darase cando a natureza, a gravidade ou a extensión da emerxencia supere a capacidade de resposta da Comunidade Autónoma.

2. As incidencias ordinarias que poidan ser atendidas polos grupos operativos dispostos na zona non darán lugar á activación do Plan Camgal.

Artigo 17. Avaliación da continxencia marítima

A partir da información da continxencia marítima, as persoas encargadas da coordinación de operacións avaliarán a situación e, se esta supera a incidencia ordinaria, comunicaranllo á persoa titular da dirección do Plan Camgal.

Os mecanismos de comunicación da incidencia, verificación e avaliación da continxencia quedarán definidos no Plan Camgal.

Artigo 18. Activación do Plan Camgal

1. O Plan Camgal será activado pola persoa titular da dirección do Plan Camgal quen, en función da natureza, gravidade e extensión da continxencia, decidirá o nivel de activación do Plan e informará a persoa titular da presidencia do Plan Camgal.

2. Para activar o Plan Camgal a persoa titular da dirección contará co apoio das persoas encargadas da coordinación de operacións e:

a) Informará da continxencia a persoa responsable da unidade administrativa competente na materia de protección civil, a quen solicitará, se é necesario, apoio nas operacións de resposta.

b) Dará aviso da continxencia, segundo o descrito no Plan Camgal, ás persoas responsables das unidades de apoio para que poñan en marcha as accións establecidas nos seus procedementos operacionais en función do nivel da emerxencia.

c) Comunicará a continxencia segundo os protocolos de comunicación establecidos nos artigos 9 e 10 do Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia.

d) Convocará no grao e na forma necesarios os membros do Centro de Coordinación Operativa, segundo o descrito no Plan Camgal.

3. A persoa titular da presidencia do Plan Camgal informará a Delegación do Goberno sobre a activación do Plan.

4. As persoas encargadas da coordinación de operacións porán en marcha as accións establecidas nos procedementos operacionais dos grupos de resposta no mar e en terra, en función do nivel da emerxencia.

Artigo 19. Criterios de coordinación de operacións entre distintos plans de continxencias

1. Cando estean activados o Plan Camgal e un plan interior marítimo e/ou un plan local de protección da ribeira do mar contra a contaminación, a coordinación das operacións será exercida pola persoa designada no Plan Camgal.

2. Cando estean activados o Plan Camgal e un plan de ámbito superior dos previstos na normativa estatal, a coordinación de operacións farase segundo o descrito na normativa estatal referente na materia. A persoa titular da dirección do Plan Camgal integrarase nos órganos de coordinación establecidos para tal efecto.

3. A estrutura organizativa con que conta o Plan Camgal para facer fronte a operacións no mar poderá formar parte do subsistema marítimo nos termos establecidos no artigo 3.1 do Sistema nacional de resposta.

4. Cando estea activado o Plan Camgal e se necesiten medios adscritos a un Plan de ámbito superior dos previstos na normativa estatal, sen estar este activado, a persoa titular da dirección do Plan Camgal poderá solicitar, en virtude do principio de cooperación interadministrativa, a colaboración da Administración xeral do Estado. En concreto, na situación 2 de emerxencia, segundo establece o artigo 7.2 do Sistema nacional de resposta, poderá solicitar do Ministerio de Fomento o apoio de medios marítimos e, de ser o caso, a activación do Plan marítimo nacional. Así mesmo, poderá solicitar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a mobilización dos medios do Plan estatal de protección da ribeira do mar contra a contaminación e os ditos medios integraranse no Plan Camgal.

5. O Plan Camgal incluirá o procedemento de coordinación entre os órganos de dirección deste plan e os órganos de dirección do Plan territorial de emerxencias de Galicia, para o caso de que estean simultaneamente os dous activados nalgún dos seus niveis.

6. O Plan Camgal, sen estar activado, poderá colaborar con outros plans de continxencias poñendo os seus medios á disposición destes.

Artigo 20. Procedemento de desactivación do Plan Camgal

A persoa titular da dirección do Plan Camgal, cando a situación da emerxencia permaneza baixo control, e tras avaliar a situación coas persoas encargadas da coordinación de operacións, decidirá a desactivación do Plan comunicándollo á persoa titular da presidencia do Plan e a todas as partes implicadas, de conformidade co descrito no Plan Camgal e na normativa estatal referente na materia.

CAPÍTULO IV

Medidas para a implantación do Plan Camgal

Artigo 21. Suspensión de servizos ordinarios

1. A persoa titular da dirección do Plan Camgal decidirá sobre a necesidade da suspensión dos servizos ordinarios programados para o persoal das unidades adscritas ao Plan e decidirá a mobilización dos medios anticontaminación.

2. A persoa titular da presidencia do Plan Camgal autorizará a suspensión dos servizos ordinarios das unidades da súa consellería e solicitará ás persoas titulares das consellerías con responsabilidades no Plan Camgal a suspensión dos servizos programados e ordinarios do seu persoal, que estará á disposición da loita contra a contaminación mariña.

Artigo 22. Centro de operacións

1. Poderanse establecer centros de operacións en calquera punto da costa para concentrar os medios que participen nos traballos ou labores de loita contra a contaminación, atendendo a criterios de proximidade, instalacións e servizos.

2. Se for necesario habilitaranse zonas, dentro destes centros, onde quedará prohibida calquera outra actividade mentres dure a emerxencia.

Artigo 23. Dotación de material

1. A base loxística de loita contra a contaminación mariña situada no porto de Tragove constitúe o centro activo de almacenamento de equipos, establecido co fin de proporcionar unha utilización racional dos medios materiais existentes para a loita contra a contaminación mariña accidental e facilitar o seu mantemento.

2. Dotaranse de material de loita contra a contaminación mariña distintos portos de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, o cal se localizará en contedores ou noutras instalacións físicas que se dispoñan para estes efectos.

3. De acordo co mecanismo establecido no Plan Camgal, realizarase unha revisión periódica do material e dos equipamentos adscritos ao Plan Camgal para avaliar o estado do material e a súa adecuación tecnolóxica.

Artigo 24. Exercicios e formación

1. O Plan Camgal conterá un programa de adestramento co obxectivo de mellorar a eficacia da resposta ante unha emerxencia, con exercicios de adestramento periódico, de carácter obrigatorio, tanto para o adestramento do persoal como para a validación periódica dos medios. Este programa estará dirixido a todas as unidades, departamentos e persoal que teñan asignadas tarefas no Plan Camgal, ben conxuntamente ou por separado.

2. As necesidades de formación do persoal involucrado no Plan Camgal revisaranse periodicamente co fin de establecer o programa de formación máis axeitado.

Artigo 25. Recursos financeiros

O Plan Camgal financiarase mediante a aplicación dos seguintes recursos:

a) As dotacións previstas para este fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os fondos e as transferencias que, por razóns de auxilio e urxente necesidade, poidan ser achegados polas administracións públicas.

CAPÍTULO V

Outras disposicións

Artigo 26. Plans locais de protección da ribeira do mar contra a contaminación na Comunidade Autónoma de Galicia

Os concellos litorais da Comunidade Autónoma de Galicia remitirán á consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental un plan local, segundo os criterios descritos para os plans locais no Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia.

A consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental emitirá informe sobre os plans locais e elevaraos á Comisión Galega de Protección Civil para a súa homologación.

Artigo 27. Plans interiores marítimos das instalacións industriais situadas no ámbito costeiro da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Todas as instalacións industriais que manexan hidrocarburos ou outras substancias nocivas e potencialmente perigosas, e que son estremeiras coas augas de dominio público marítimo-terrestre, ou verten as súas augas pluviais ou residuais no dito dominio ou nun sistema público de saneamento con vertedura final neste, disporán dun plan interior marítimo segundo o descrito no Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia.

2. Os establecementos aos cales lles sexa de aplicación o Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, deberán incluír nos seus plans de emerxencia interior marítima o contido descrito no Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia.

3. Poderáselles exixir un plan interior de continxencias por contaminación mariña accidental aos establecementos non recollidos nos puntos anteriores situados no ámbito portuario de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, ou nas zonas estremeiras coas augas de dominio público marítimo-terrestre, ou que verten as súas augas pluviais ou residuais no dito dominio ou nun sistema público de saneamento con vertedura final neste, cando o ente público Portos de Galicia ou algunha outra Administración competente advirta que pode existir un risco significativo de vertedura contaminante.

4. Os establecementos situados no ámbito portuario de titularidade estatal na Comunidade Autónoma de Galicia elaborarán os seus plans de continxencias segundo o descrito no Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia. A consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental emitirá informe sobre estes plans.

5. A elaboración, a implantación e o funcionamento dos plans interiores marítimos das instalacións previstos neste artigo son responsabilidade da persoa titular da instalación e serán aprobados de acordo co descrito no Sistema nacional de resposta, así como calquera outro que se defina como tal na normativa estatal referente na materia.

Artigo 28. Plans interiores marítimos dos portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Nos portos de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, o plan interior portuario será elaborado pola entidade competente na materia portuaria de Galicia e aprobado pola consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental, segundo o descrito no Sistema nacional de resposta.

2. Nos portos de interese xeral do Estado que radiquen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os plans serán elaborados e aprobados segundo o establecido no Sistema nacional de resposta. A consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental emitirá informe sobre estes plans.

Disposición transitoria única. Vixencia do plan existente

O Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 27 de setembro de 2012 e publicado pola Resolución do 28 de setembro de 2012, manterá a súa vixencia ata a aprobación do texto revisado do Plan Camgal, de acordo coa estrutura establecida neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 155/2012, do 5 de xullo, polo que se regulan a estrutura e a organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza