O concello de Gomesende remite novamente o expediente de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural complexo de Fustáns (Gomesende) para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Gomesende e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O concello de Gomesende non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991. Conta unicamente cunha delimitación de solo urbano do núcleo de Sobrado (AD do 23 de xuño de 1982), e coas delimitacións de solo de núcleo rural de Paredes (AD do 12 de maio de 2014) e de Matamá (AD do 22 de xaneiro de 2015).
2. A tramitación da delimitación de solo de núcleo rural foi a seguinte:
• Constan informes municipais: técnico, do 17 de xullo de 2014, e xurídico, do 20 de agosto de 2014.
• O Pleno do Concello, en sesión do 27 de agosto de 2014, aprobou a delimitación, e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia, do 5 de setembro de 2014, e Faro de Vigo, do 10 de setembro; e no DOG do 23 de setembro. Non se presentou ningunha alegación.
• Constan informes da Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI: 13 de xaneiro de 2015, desfavorable, e 1 de abril de 2015, favorable.
• Consta informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 6 de abril de 2015.
• Constan novos informes municipais técnico e xurídico, do 24 de abril de 2015.
• O Pleno do Concello, en sesión do 28 de abril de 2015, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Fustáns.
• O 6 de agosto de 2015, esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu ao Concello a emenda de deficiencias.
• Constan novos informes municipais: técnico, do 19 de maio de 2016, e xurídico, do 24 de maio de 2016.
• O Pleno do Concello, en sesión do 7 de xuño de 2016, aprobou de novo provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Fustáns coas modificacións resultantes dos informes emitidos.
II. Análise e consideracións.
1. O ámbito de actuación comprende unha zona de 30.771,33 m2, situada arredor do núcleo de Fustáns. Desta superficie, 8.131,74 m2 corresponden a solo que se cualifica como solo de núcleo rural histórico-tradicional, e o resto, 22.639,59 m2, como solo de núcleo rural común.
2. Delimítase o núcleo rural de Fustáns como núcleo rural complexo, conforme o establecido no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.
3. Na delimitación inclúense as edificacións do núcleo situadas no extremo oeste, no límite do municipio. Ademais, xustifícase a exclusión das edificacións situadas ao sur da zona delimitada ao leste ao outro lado da estrada OU-531.
4. No solo de núcleo de rural histórico-tradicional revisáronse as aliñacións reflectidas nos planos para adaptalas ás existentes na realidade. Ademais, acoutáronse as aliñacións previstas que non coinciden coas existentes.
De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
III. Resolución.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar o proxecto de delimitación de solo de núcleo rural complexo de Fustáns, no concello de Gomesende.
2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016
María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
ANEXO