Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45529

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 0,2 bar para subministración a Sarria, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/18-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 24.2.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Sarria, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2008/13-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30.4.2012 e no Boletín Oficial da provincia do 19 de xuño.

Neste proxecto prevese a subministración de gas natural a través dunha planta de GNL (gas natural licuado), que se situará no polígono industrial de Morelle, desde a que partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e, seguindo dirección sur, cara ao núcleo urbano de Sarria.

O 13.11.2015 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. comunicoulle a esta dirección xeral a subscrición dun contrato marco con Repsol Butano, S.A. en que se acordou que o Grupo Gas Natural procederá á compravenda dunha serie de instalacións de GLP de Repsol Butano, S.A. en Galicia, entre as que se atopa a rede de gas canalizado (GLP) de Sarria.

Ante esta nova situación, o 13.5.2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para os efectos da súa aprobación, o proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 0,2 bar para subministración a Sarria (Lugo), para subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Sarria (rede de GLP que se transformará para gas natural). Neste proxecto prevese a instalación da planta de GNL nunha parcela diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 0,2 bar para subministración a Sarria (Lugo), que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2016/18-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa.

Descrición das instalacións:

A extensión de rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela 1026 do polígono 21, situada na estrada LU-P-5705, Mazadoiro a LU4302 no seu p.q. 1+074 Sarria (Lugo), desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Sarria. A súa lonxitude será de 5 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17, e dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 2 bar.

A planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización, e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 180 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 3.528 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 2 bar.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Sarria, na provincia de Lugo.

Orzamento: trescentos sesenta mil con setecentos trinta e dous euros con un céntimo (360.732,01 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e poden examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas