Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2016 Páx. 44640

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 13 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o incremento da eficiencia enerxética e o fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 318013.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas.

Para os efectos desta orde considéranse empresas acuícolas as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as que establezan novos centros en Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a investimentos que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o incremento da eficiencia enerxética e o fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para o ano 2016 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.772.5, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2016 aprobado pola Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 1.200.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2016

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar