Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 21 de setembro de 2016 Páx. 43316

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de setembro de 2016 pola que se fai pública a modificación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 10 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento CT130A).

Con data do 6 de abril de 2016 (DOG número 65) publicouse a Orde do 10 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 3.4 da devandita orde establece que o importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Como consecuencia da existencia de crédito adecuado para poder ampliar o orzamento inicial e á vista das necesidades valoradas, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Increméntase o importe das axudas a entidades locais que se van conceder ao abeiro da Orde do 10 de marzo de 2016, publicada o 6 de abril de 2016 (DOG número 65), e engádese a contía de 13.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 10 de marzo de 2016 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria