Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2016 Páx. 42402

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de setembro de 2016 pola que se modifica o artigo 31 da Orde do 21 de decembro de 2015 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 246, do 28 de decembro).

Mediante a Orde do 21 de decembro de 2015 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 246, do 28 de decembro).

No artigo 31 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 30 de setembro de 2016.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias. Cómpre facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión; xa que logo, considerando que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 21 de decembro de 2015 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o número 1 do artigo 31 da Orde do 21 de decembro de 2015, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 30 de outubro de 2016».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza