Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2016 Páx. 42453

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 1 de setembro de 2016 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas para a matrícula nun máster universitario oficial, destinadas a titulados/as universitarios/as en situación de desemprego, para o curso 2016/17.

BDNS (identif.): 316831.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Personas desempregadas con titulación universitaria matriculadas no curso 2016/17 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia

Segundo. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 200.000 €.

A contía da bolsa cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 80/2016, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2016/17 (DOG núm.131, do 12 de xullo).

Para os incluídos no punto 1.3 do anexo do decreto, a contía máxima asignada será de 1.788,6 € para os da epígrafe A) e de 1.215 € para os da epígrafe B).

Para os incluídos no punto 1.4 do anexo do decreto, a contía máxima asignada será de 1.881,6 € para os da epígrafe A) e de 1.296,6 € para os da epígrafe B).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria