Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42219

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2016 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Lorbé.

A Área de Explotación e Planificación Portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Lorbé, no termo municipal de Oleiros, na provincia da Coruña, e adscrito ao ente público para a súa xestión.

Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia celebrada o día 28 de xullo de 2016, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Lorbé, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria do 13 de xullo de 2016, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o Acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 28 de xullo de 2016, dando a conformidade á delimitación dos espazos e usos do porto de Lorbé e elevándoo e propoñéndoo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012, resolve:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Lorbé (Oleiros, A Coruña), na súa última versión asinada en xullo de 2016 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos do ente público Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia