Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 12 de setembro de 2016 Páx. 39740

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de setembro de 2016 pola que se amplía o crédito da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (IN519B).

A través da Orde do 28 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro) convocáronse para o ano 2016 as axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 28 de decembro de 2015, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 3.801.870 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.732-A 760.0, e prevé a posibilidade de incrementar as ditas cantidades en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Este feito non suporá a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Para a tramitación dos expedientes de axuda desta convocatoria, o crédito orzamentario inicial deberase incrementar para atender as necesidades de fondos para a súa tramitación, polo que procede a oportuna modificación orzamentaria incorporando crédito na aplicación 09.20.732-A 760.0, actuacións para infraestruturas en polígonos industriais, por un importe total de 167.545,65 €.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do crédito orzamentario

Modificar o artigo 2 da parte dispositiva da Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 28 de decembro de 2015, no referente ao crédito orzamentario destinado, e incrementar este en 167.545,65 euros, pasa de ser de 3.801.870 euros á cantidade final de 3.969.415,65 euros.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria