Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 2 de setembro de 2016 Páx. 38930

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as condicións xerais do Programa Ignicia proba de concepto e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación, impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o favorecemento da mellora tecnolóxica, da produtividade e dos resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, con base na innovación e na transferencia e valorización dos resultados de investigación; e o impulso ao cambio no modelo produtivo.

É precisamente en relación co anterior obxectivo, ao cal a dita lei dedica o capítulo V, relativo á transferencia e valorización de resultados, e prevé a cooperación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con competencias no eido da investigación e innovación, de cara a levar a cabo a valorización de resultados e o tratamento integral e coordinado.

Concretamente, o artigo 31 da devandita lei recolle o mandato á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de dar apoio á valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto. O citado fondo dedicarase ao financiamento de proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar; e poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, os cales se adherirán a el en función das súas achegas orzamentarias.

Con data do 7 de novembro de 2013, o Consello da Xunta de Galicia adopta o acordo mediante o cal se aproba o Plan da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 de Galicia, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020. O devandito plan recolle, enmarcado no programa cadro Galicia Transfire, a proba de concepto como un dos instrumentos de apoio que se prevén para a implementación desta estratexia.

En virtude do anterior, a Axencia Galega de Innovación pon en marcha o Programa Ignicia proba de concepto, co obxectivo de seleccionar e apoiar os proxectos de investigación desenvolvidos nos nosos centros de coñecemento e que se atopan nun estado de madurez tecnolóxica que xa superou a fase de investigación fundamental, pero requiren dun impulso que permita a validación da tecnoloxía e a posterior transferencia ao mercado dos resultados. O obxecto desta resolución é establecer as condicións xerais do programa de apoio, así como convocar, para o ano 2016, a selección de proxectos de investigación para as fases de maduración e investimento.

Por último, con data do 29 de xaneiro de 2016, asinouse convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa (Fundación Barrié), co obxectivo de aproveitar os coñecementos e a experiencia desta última no desenvolvemento do seu Fondo de Ciencia, de xeito que nesta primeira convocatoria se contará co seu apoio metodolóxico e de persoal.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e condicións xerais

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o Programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación.

Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:

a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.

b) Acelerar e aumentar os éxitos nos procesos de transferencia tecnolóxica.

c) Contribuír á rendabilización económica e social do investimento público en investigación.

d) Internacionalizar a función de transferencia na tecnoloxía.

e) Detectar cedo proxectos con potencial innovador e de mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento INXXX).

Artigo 2. Fases do programa

O Programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:

a) Fase de maduración.

b) Fase de investimento.

c) Fase de seguimento.

a) Fase de maduración:

Nesta fase os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais, en cada fase de análise e avaliación recibirán información e recomendacións sobre o estado de madurez tecnolóxica do proxecto, o que permitirá o acceso daqueles finalmente seleccionados á fase de investimento.

b) Fase de investimento:

Nesta fase, os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación, a través dunha atribución patrimonial onerosa, para a realización das seguintes tarefas:

• Validación industrial da tecnoloxía.

• Validación comercial e desenvolvemento de negocio.

• Calquera outra actividade orientada á transferencia ao mercado dos resultados de investigación.

c) Fase de seguimento:

Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a comprobación do cumprimento dos seus fitos e a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos.

Artigo 3. Solicitantes

Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros radicados en Galicia.

Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos

1. O programa apoiará aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou case reais.

2. Os proxectos presentados deberán estar situados nun TRL4 ou superior.

Os TRL ou Technology Readiness Levels refírense aos niveis de madurez dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

TRL1: principios básicos observados e argumentados.

TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

TRL4: validación de compoñentes e/ou disposición destes en contorna de laboratorio.

TRL5: validación de componentes e/ou disposición destes nunha contorna relevante.

TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

3. Os proxectos presentados deberán ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos, independentemente do prazo en que estes se produzan.

Artigo 5. Presentación de solicitudes: lugar e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do Programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o seguinte:

a) Solicitudes de acceso ao Programa Ignicia proba de concepto (maduración+investimento):

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

b) Solicitudes de acceso exclusivamente á fase de investimento:

Só para aqueles proxectos que participasen con anterioridade noutros programas de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación ou similares, ou ben, aqueles proxectos que presenten un grao de evolución e de maduración que lles posibilite solicitar o acceso exclusivamente á fase de investimento, o prazo para a presentación das solicitudes a esta fase estará aberto ata o 10 de setembro de 2018.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo representante legal do organismo de investigación deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a seguir se relaciona:

a) Solicitudes de acceso ao Programa Ignicia proba de concepto (maduración+investimento):

a.1) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentarse copia do DNI/NIE da persoa física representante legal.

a.2) Memoria técnica, no modelo que se achega como anexo II.

b) Solicitudes de acceso exclusivamente á fase de investimento:

b.1) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentarse copia do DNI ou NIE da persoa física representante legal cando corresponda.

b.2) Informe técnico, no modelo que se achega como anexo III, e que conterá:

– Informe sobre o estado da ciencia do proxecto, validado e asinado por experto/s externo/s de contrastada experiencia no ámbito.

– Plan de desenvolvemento e comercialización.

b.3) Informe de auditoría legal, no modelo que se achega como anexo IV, validado e asinado por experto/s externo/s de contrastada experiencia no ámbito.

2. Para os efectos de facilitar os procesos de avaliación por parte de expertos de nivel internacional, o anexo II terá que ser presentado en calquera das dúas linguas oficiais da nosa comunidade autónoma e en inglés.

3. Os anexos I, II, III e IV estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e na páxina da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte do representante legal superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es)

b) Nos teléfonos 981 95 73 93, 981 54 10 73 e 981 33 71 10.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo https://sede.xunta.es

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das condicións xerais.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento. Corresponderalle ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución do procedemento de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, ou non se xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da dita lei.

3. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. As notificacións electrónicas só poderán efectuarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada.

6. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e darase por efectuado o trámite seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

7. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados polo Comité de Investimentos.

9. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

10. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de rexeitamento da solicitude.

Artigo 10. Comité de Investimentos

1. O Comité de Investimentos será o órgano colexiado encargado do proceso de avaliación e selección de proxectos de acordo cos criterios fixados no artigo 11 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Comité de Investimentos estará composto por tres representantes designados por parte da Axencia Galega de Innovación e por un mínimo dun e un máximo de tres técnicos por parte da Fundación Barrié.

A participación no comité da citada fundación terá carácter de asesoramento técnico.

3. O Comité de Investimentos, para a realización do seu labor, poderá solicitar todos os informes técnicos, así como a presenza e o asesoramento dos expertos externos que considere precisos. Igualmente, será a súa potestade chamar os representantes dos proxectos para a realización de entrevistas ou presentacións, co obxecto de corroborar o cumprimento dos requisitos establecidos nesta resolución e a mellor adecuación destes ao programa conforme os criterios de selección.

Artigo 11. Fase de maduración. Procedemento e criterios de selección

1. A avaliación dos proxectos presentados á fase de maduración efectuarase en dúas etapas sucesivas, tendo a primeira delas carácter excluínte, de xeito tal que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira. Ao remate de cada avaliación informarase cada proxecto presentado dos aspectos avaliados no dito proceso de avaliación a través de comunicación aos seus promotores:

A. Primeira avaliación e preselección:

Nesta primeira análise comprobarase a adecuación dos proxectos que se presenten aos obxectivos do Programa Ignicia proba de concepto, así como dos restantes requisitos considerados mínimos para poder optar ao financiamento. A dita avaliación actuará como filtro e cumprirá a súa superación para poder pasar á seguinte.

Neste senso, considerarase que superan esta avaliación e preselección, como máximo, os 25 proxectos mellor valorados, sempre que acaden a puntuación mínima de 50 puntos, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

a) Excelencia científico-técnica da proposta (máximo de 30).

Valorarase o potencial de innovación da proposta e a factibilidade técnica e económica para conseguir os obxectivos fixados na proposta.

b) Potencial comercial da tecnoloxía (máximo de 30).

Valorarase o grao de madurez e proximidade ao tecido produtivo, os contactos realizados e as empresas interesadas na tecnoloxía, as vantaxes competitivas identificadas respecto ás solucións actuais e a estratexia de comercialización e difusión dos resultados obtidos.

c) Equipo de traballo (máximo de 20).

Valoraranse a capacidade e adecuación do equipo en termos científicos e a experiencia previa en xestión de proxectos, na industria ou en proxectos de transferencia de tecnoloxía.

d) Impacto socioeconómico do proxecto (máximo de 20).

Valorarase o aliñamento do proxecto cos obxectivos da RIS3 (http://www.ris3galicia.es), así como a repercusión en termos económicos e de creación de emprego en Galicia.

B. Segunda avaliación e selección definitiva:

Nesta fase, realizarase unha avaliación exhaustiva e en detalle de cada un dos proxectos que superou satisfactoriamente a primeira avaliación, tanto de aspectos técnicos como de viabilidade económica e comercial. Incluirá a emisión dun informe sobre a calidade da ciencia en termos de protección, propiedade e maduración tecnolóxica.

O dito informe, cuxa finalidade será exclusivamente coñecer o grao de excelencia científica dos proxectos, así como a súa viabilidade económica e comercial, para os efectos de establecer o posterior proceso de desenvolvemento e comercialización con garantías de retornos económicos, terá o seguinte contido mínimo:

a) Nivel da ciencia (máximo 10 puntos).

Valoraranse os desenvolvementos previos realizados e que son a base do proxecto e da súa viabilidade, tendo en conta os precedentes.

b) Equipo (máximo 10 puntos).

Valorarase o nivel de coñecemento e a experiencia do equipo de traballo e a súa excelencia científica en relación coa área de desenvolvemento do proxecto.

c) Capacidade e compromiso do equipo para a comercialización (máximo 20 puntos).

Valorarase o nivel de compromiso do equipo coa comercialización do resultado e a súa experiencia e capacidade para soportar a dita comercialización. Para a avaliación deste elemento procederase a ter unha entrevista cos promotores do proxecto.

d) Posibles aplicacións da tecnoloxía (máximo 10 puntos).

Valorarase a aplicabilidade industrial da tecnoloxía, a existencia de diferentes aplicacións para diferentes sectores industriais.

e) Tempo para que a tecnoloxía chegue ao mercado (máximo 10 puntos).

Valorarase o estado de desenvolvemento actual da tecnoloxía, os riscos asociados a el e o tempo necesario para a chegada ao mercado.

f) Tamaño da oportunidade de negocio (máximo 10 puntos).

Valorarase o tamaño das oportunidades asociadas ás aplicacións potenciais da tecnoloxía.

g) Estratexia de protección (máximo 15 puntos).

Valorarase a existencia da estratexia de protección, a súa amplitude, fortaleza e profundidade en relación cos mercados e aplicacións potenciais.

h) Liberdade de operación e competencia (máximo 15 puntos).

Valorarase o nivel da competencia existente en relación coa tecnoloxía e coas súas aplicacións e a potencial necesidade de acceso á propiedade intelectual de terceiros para explotar a tecnoloxía.

Á vista destes informes, o Comité de Investimentos realizará a selección definitiva daqueles proxectos que pasarán ao proceso de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización, para a súa proposta á fase de investimento, entendendo como tales aqueles que superen a puntuación mínima de 70 puntos.

2. Os proxectos de investigación seleccionados recibirán, durante aproximadamente dous meses, asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo necesario para a formalización do investimento regulado no artigo seguinte.

Este plan incluirá aspectos como:

a) Estudo do mercado potencial do resultado, principais segmentos de mercado, actores clave en cada segmento. Necesidades e retos non cubertos neses mercados.

b) Principais competidores e características diferenciadoras do proxecto.

c) Estratexia de desenvolvemento, incluíndo os seus obxectivos para axustarse aos requirimentos do mercado.

d) Plan de actuacións, orzamento asociado e potenciais socios, incluíndo fitos que superar.

e) Ruta cara ao mercado.

f) Retornos potenciais.

g) Principais riscos e retos do proxecto.

h) Informe de auditoría legal (estratexia de protección).

Artigo 12. Fase de Investimento. Acceso e características do financiamento

1. Nesta fase os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación.

2. Poderán acceder á fase de investimento:

a) Os proxectos que superaren a fase de maduración de acordo co procedemento establecido no artigo 11.

b) Os proxectos que solicitaron o acceso exclusivamente a esta fase, sempre e cando superen a puntuación mínima de 70 puntos, valorados polo Comité de Investimentos, de acordo cos criterios establecidos no parágrafo B do número 1 do artigo 11.

3. De acordo co establecido no plan de desenvolvemento e comercialización dos proxectos seleccionados, o Comité de Investimentos proporá contribuír ao seu financiamento a través dunha achega patrimonial onerosa coas seguintes características:

a) O importe aprobado será para financiar os gastos marxinais precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados.

Entenderase que son custos marxinais aqueles que se orixinen exclusiva e directamente das actividades correspondentes ao dito desenvolvemento, incluíndo os custos de adquisición de material inventariable e coa excepción dos custos de persoal propio e dos de amortización do inmobilizado material adquirido por fondos públicos.

Incluiranse actividades como: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e o achegamento aos potenciais clientes ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

b) O Comité definirá unha serie de fitos para verificar no desenvolvemento de cada proxecto, así como a achega correspondente á consecución de cada fito, que se liberará en forma de anticipo (calendario de desembolsos). O cumprimento e a xustificación de cada fito liberará o desembolso financeiro do seguinte e así sucesivamente ata a aplicación total dos recursos concedidos.

Con carácter xeral, o primeiro dos desembolsos non superará o 25 por cento do investimento previsto.

c) A achega poderá estar acompañada doutros investimentos, xa sexa por parte da Fundación Barrié xa por parte doutras fontes de financiamento, estas non constituirán, en ningún caso, requisito necesario para o financiamento por parte da Axencia.

4. As propostas de investimento do comité serán elevadas ao director da Axencia Galega de Innovación, que ditará resolución definitiva, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación.

5. As resolucións, que se lle notificarán con carácter individual ás entidades seleccionadas, expresarán, cando menos:

a) O importe global da achega patrimonial concedida.

b) O calendario de fitos e desembolsos.

c) Os requisitos específicos relativos á execución das actividades acordadas para cada fito.

d) As condicións do reembolso.

e) Os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

f) Que a aceptación da achega implica a aceptación das obrigas derivadas desta convocatoria e da resolución de concesión, así como as condicións do reembolso.

g) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa achega patrimonial concedida.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas correspondente á última amortización prevista. Informarase a entidade seleccionada da data de comezo deste prazo.

6. A formalización do financiamento, que se imputará ás aplicacións orzamentarias 09.A3.561A.870, 09.A3.561A.873 e 09.A3.561A.874, requirirá da tramitación previa, fiscalización e contabilización de cantos documentos contables resulten oportunos.

O importe dos investimentos aprobados terá como límite as seguintes cantidades:

Aplicación

2016

2017

2018

Total

09.A3.561A.870

500.000 €

2.300.000 €

2.300.000 €

5.100.000 €

09.A3.561A.873

0 €

100.000 €

100.000 €

200.000 €

09.A3.561A.874

0 €

100.000 €

100.000 €

200.000 €

Total

500.000 €

2.500.000 €

2.500.000 €

5.500.000 €

De acordo coa natureza xurídica das entidades promotoras será posible o reaxuste entre as ditas aplicacións ou, incluso, a incorporación de novos conceptos.

Artigo 13. Fase de investimento. Condicións do reembolso

1. O Comité de Investimentos definirá as condicións de devolución da achega realizada en virtude das características de cada proxecto. As ditas condicións poderán ser:

a) Devolución do 30 % dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento, procedementos ou calquera que sexa a forma de retorno, é dicir, royalties, pagamentos por fitos ou pagamentos por uso. Se é o caso, podería incluír a opción de participar na propiedade das spin-off creadas para explotar os ditos resultados, respecto do cal se seguirá o establecido na correspondente normativa patrimonial.

b) Calendario de amortizacións da achega realizada, calculadas en función dunha porcentaxe sobre a facturación bruta anual da entidade seleccionada, á liña de ingresos do proxecto apoiado. As amortizacións realizaranse nun período máximo de 10 anos que poderá incluír, de ser o caso, un prazo previo de carencia.

2. Cando se establezan as condicións de devolución, estas terán como obxectivo garantir, para a achega realizada, unha rendibilidade mínima do 10 por cento (TAE). Ademais, dado o maior risco destas operacións, esta rendibilidade será sempre superior ás condicións xerais do mercado no momento e sector correspondentes e respectará o criterio establecido pola Comisión Europea na comunicación relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

3. Cando os proxectos financiados non xeren resultados no mercado, e logo da análise e proposta polo Comité de Seguimento dos Investimentos, a entidade seleccionada non terá a obriga de reembolsar o importe financiado, sempre que se xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada, de acordo co establecido na resolución do director da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 14. Obrigas das entidades seleccionadas

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta convocatoria ou na resolución do director da Axencia Galega de Innovación, as entidades seleccionadas para a concesión da achega patrimonial desta fase de investimento quedan obrigadas a:

a) Realizar as actividades acordadas para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados e que fundamentan a concesión da achega económica.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c) Xustificar ante o Comité de Seguimento dos Investimentos, por requirimento deste, o cumprimento dos requisitos e das condicións, a realización da actividade e/ou dos gastos marxinais establecidos na resolución de concesión.

d) Proceder á devolución, total ou parcial, da achega patrimonial percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades obxecto desta convocatoria.

f) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, autorización para realizar modificacións no equipo de traballo ou no desenvolvemento dos proxectos aprobados que afecten a atribución patrimonial percibida.

g) Dar publicidade ao financiamento recibido nos termos establecidos na resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas por parte das entidades seleccionadas poderá dar lugar á devolución total ou parcial da achega patrimonial percibida, de acordo co procedemento establecido no artigo 15.2.e) desta convocatoria.

Artigo 15. Fase de seguimento

1. Coa finalidade de levar a cabo o seguimento dos investimentos aprobados, crearase o Comité de Seguimento dos Investimentos. O citado comité estará integrado por tres representantes designados por parte da Axencia Galega de Innovación, poderá contar co asesoramento de expertos externos especializados e reunirase, polo menos, dúas veces ao ano.

2. Este comité será o encargado de:

a) Establecer os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

b) A aprobación de modificacións no equipo do proxecto, nas actividades ou no plan de desenvolvemento e comercialización, para axustalo ás situacións do mercado.

c) A avaliación das continxencias que poidan suceder nos proxectos que poidan provocar demoras na devolución e situación de riscos ou perdas do investido. En virtude disto, poderá propoñer modificacións ou ampliacións de prazo nos cadros de desembolsos ou amortizacións.

d) De ser o caso, cando os proxectos financiados non estean a xerar resultados no mercado, poderá propoñer que a entidade seleccionada non teña que devolver a totalidade do importe desembolsado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada.

e) A proposta de inicio, para o caso de incumprimento por parte da entidade seleccionada das obrigas establecidas nesta convocatoria e na correspondente resolución, do expediente de recuperación total ou parcial dos investimentos. Este expediente, no cal se garantirá en todo o caso a audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, concluirá con resolución motivada do director da Axencia Galega de Innovación, logo da proposta do Comité de Seguimento dos Investimentos.

f) A previsión de evolución de retornos de cada proxecto.

g) A elaboración do informe global de evolución de investimentos.

3. No desenvolvemento das ditas funcións, o Comité de Seguimento dos Investimentos poderá solicitar á entidade promotora os documentos, informes ou contas auditadas que sexan necesarios para a verificación dos datos achegados por esta.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver a proposta á fase de investimento das solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados a partir do día seguinte ao da presentación das ditas solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a correspondente notificación, os solicitantes poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) desa lei, a notificación individual de resolución poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.es, con indicación da data da convocatoria e da entidade seleccionada.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia da entidade á participación neste programa, xa sexa na fase de maduración xa na de investimento, poderase facer axustándose aos modelos que se publicarán na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O director da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da dita lei.

Artigo 18. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Proba de concepto 2016», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A/6º B, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a servizos.gain@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2016

O director da Axencia Galega de Innovación
P.S. (Orde do 8.7.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file