Por Resolución do 10 de outubro de 2014, da Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG nº 215, do 10 de novembro), convocouse para a súa provisión, polo sistema de avaliación colexiada, o posto de xefatura da Sección de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 47, do 7 de marzo), e a Orde do 28 de setembro de 2011, pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG nº 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), esta xerencia
RESOLVE:
Primeiro. Adxudicar o posto de xefatura de servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a Susana Mª Romero Yuste, aspirante que acadou a maior puntuación.
Segundo. O/a aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres (3) días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince (15) días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular e será declarado/a nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Terceiro. O/a aspirante seleccionado/a obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, o/a profesional seleccionado/a será avaliado/a para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia ao/á interesado/a.
Cuarto. Contra a presente resolución, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Pontevedra, 3 de agosto de 2016
José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés