Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38381

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 9 de xuño de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Mugardos, para ampliar a cualificación de dotación de equipamentos do colexio Unión Mugardesa.

O Concello de Mugardos remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mugardos dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 19.10.1999.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico da modificación mediante a Resolución do 27.3.2015, en que se sinala que non se agardan efectos ambientais significativos e non se considera necesario sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 28.4.2015).

3. A arquitecta técnica municipal emitiu informe favorable o 6.5.2015 e o secretario municipal o 8.5.2015, sobre o procedemento de tramitación da modificación (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) por non ser preceptivo conforme o artigo 93.4 da LOUG.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 21.5.2015. Foi sometida a información pública durante dous meses (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 1.6.2015 e DOG do 17.6.2015). Non foron presentadas alegacións.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.8.2015.

7. A solicitude de aprobación definitiva recibiuse o 14.9.2015, xunto coa copia cotexada do expediente administrativo e do proxecto de modificación redactado pola arquitecta municipal Olga Fra Gálvez, con data decembro de 2014, con dilixencias de ter sido aprobado inicial e provisionalmente nas datas arriba indicadas.

8. Esta consellería requiriu, o 16.10.2015, a remisión do informe da Xunta de Galicia en materia de estradas. O Concello achegou o 2.2.2016 o informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 25.1.2016, emitido en sentido favorable.

9. No proxecto aprobado provisionalmente o 28.8.2015 observábase que o estado final da ordenación non recollía o contido gráfico da modificación do plan xeral relativa ás aliñacións da rúa Lagoas, aprobada pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 21.5.2015.

10. O 16.5.2016 o Concello comunica o acordo plenario do 29.4.2016, de aprobación provisional do plano 2.6.-M2 modificado, que recolle o contido da modificación do plan xeral relativa ás aliñacións da rúa Lagoas.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación formulada polo Concello de Mugardos afecta uns terreos de propiedade municipal, de 265 m2 de superficie, que son parte da parcela afecta ao colexio de educación infantil e primaria Unión Mugardesa, xunto á estrada autonómica AC-130 (Mugardos-Ares).

2. Os terreos están cualificados como solo urbano consolidado coa ordenanza SU-BD, solo urbano de baixa densidade.

3. A modificación consiste na recualificación dos terreos a solo urbano dotacional de equipamentos de uso docente, nos planos equipamento educativo ED de titularidade pública (Pb), co fin de corrixir unha cualificación inadecuada e recoñecer a utilización real dos terreos, así como mellorar a articulación das distintas actividades e construcións vinculadas ao colexio, e posibilitar a nova construción neles.

III. Análise e consideracións.

1. A ampliación dos terreos destinados a equipamentos docentes públicos pode conceptuarse como de interese público, para os efectos do artigo 94.1 da LOUG.

2. O único plano de ordenación da modificación consiste na folla 2.6-M2 do plano de zonificación da vila de Mugardos a escala 1/1000, en que se grafa a ordenación resultante da proposta, que reflicte as aliñacións previstas na modificación do plan xeral relativa ás aliñacións da rúa Lagoas, polo que non se fai ningunha obxección á modificación proposta.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e no artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Mugardos (A Coruña) para ampliar a cualificación de dotación de equipamentos do colexio Unión Mugardesa.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio