Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 12 de agosto de 2016 Páx. 36143

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 106/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da estrada OU-540 situado entre os puntos quilométricos 18+490 e 18+900 da marxe dereita, a prol do Concello de Celanova.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Celanova solicita a Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun resto da estrada autonómica OU-540 situado entre os ppqq 18+490 e 18+900 da marxe dereita ao seu paso polo concello. Este treito atópase no núcleo rural da Lampaza.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do resto da estrada OU-540 situado entre os ppqq 18+490 e 18+900 da marxe dereita no núcleo rural da Lampaza, a prol do concello de Celanova.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Celanova do:

– Resto da estrada OU-540, situado entre os ppqq 18+490 e 18+900 da marxe dereita.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Celanova deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Celanova, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda