Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 11 de agosto de 2016 Páx. 35951

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 28 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas e dos incentivos á contratación (códigos de procedemento TR301P e TR349X).

BDNS (Identif.): 314430.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas calquera que for a forma xurídica que adopten, que empreguen cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Para acadar o mínimo de cincuenta persoas traballadoras, poderán ser beneficiarias as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas con compromiso de contratación e da actividade laboral asociada, dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, a través dos seguintes programas:

a) Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P).

b) Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR349X).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

Importe das axudas recollidas no capítulo II da orde de convocatoria, correspondentes ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P): 1.200.000 euros.

Importe das axudas recollidas no capítulo III da orde de convocatoria, correspondentes ao programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X): 250.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes das axudas correspondentes ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P) virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no número 6 do artigo 20 da orde de convocatoria. A data límite para a presentación de solicitudes será o 31 de outubro de 2016.

No caso das axudas correspondentes ao programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando, en todo caso, o límite máximo de 15 de decembro de 2016.

Excepcionalmente, nos supostos en que a acción formativa remate o 15 de decembro de 2016, de acordo co previsto no artigo 26 desta orde de convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes das axudas previstas no capítulo III finalizará o 20 de decembro de 2016.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria