Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 3 de agosto de 2016 Páx. 34415

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2016, de cesamento e nomeamento de membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

A secretaría do Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia enviou o 18 de xullo de 2016 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no que comunica o cesamento por petición propia dunha persoa membro dese comité e un novo nomeamento no seu lugar.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2014, que se publicou no DOG núm. 22, do 3 de febreiro, concedeuse a acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo. Entre elas, figuraba Julio Rodríguez Garrido.

Consideracións legais e técnicas.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités territoriais de ética da investigación. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que «os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres».

Pola súa banda, o número 6 do artigo 9 do citado Decreto 63/2013, do 11 de abril, dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do interesado».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Revogar o nomeamento de Julio Rodríguez Garrido, á súa solicitude, como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Así mesmo, nomear a María de las Mercedes Guerra García, farmacéutica de atención primaria da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, coa finalidade de manter os requisitos para a acreditación dese comité.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade