Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 2 de agosto de 2016 Páx. 34288

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de xullo de 2016 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2015/16.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou e regulou, mediante a Orde ECD/1611/2015, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os Premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinos artísticos profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño, os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e de Artes Plásticas e Deseño, conforme o establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, no artigo 9, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor do premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico as ensinanzas artísticas profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto convocar premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais para o alumnado que finalizou os estudos profesionais de Música, os estudos profesionais de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2015/16 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: tres na modalidade de Música, un na modalidade de Danza e dous na modalidade de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade na modalidade de Música ou por familia profesional na modalidade de Artes Plásticas e Deseño.

2. A dotación para os premios será de 5.100 € con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2016, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais poderán concorrer, logo da inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Modalidade A: Música.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música no curso 2015-16 en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar tres copias dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD no cal o aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade B: Danza.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza no curso 2015/16 en centros públicos o privados autorizados das ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. A estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso a nota media estará referida unicamente ás materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar tres copias dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD no cal o aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos entre as dúas obras. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade C: Artes Plásticas e Deseño.

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2015/16, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo que concorre –en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo de 20MB– e un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

2. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e o 9 de setembro de 2016.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311F dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no anexo I desta orde. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, a seguinte documentación:

1. Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante (só no caso de que o/a interesado/a non preste o consentimento para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final das distintas modalidades tal como se indica no artigo 3.1 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que estea o expediente académico.

3. Documentación en soporte informático, segundo corresponda ás respectivas modalidades, que se recollen no artigo 3:

a) Tres copias de vídeo en formato AVI ou MPEG en soporte DVD (ensinanzas profesionais de Música e Danza).

b) Memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo que concorre en formato PDF, AVI ou MPG (tamaño máximo 20 MB).

4. Listaxe dos méritos que se desexe alegar relacionados coa modalidade correspondente, de acordo co previsto no artigo 3 desta orde ou fotocopias cotexadas deste, onde conste expresamente a actividade e organismo convocante (anexo II da solicitude).

5. Acreditación dos méritos alegados mediante documento orixinal ou fotocopia cotexada, onde conste expresamente a actividade e organismo convocador.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias utilizadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada o representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algúns dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permítese a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto cos documentos que se presentan, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá presentalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os privados autorizados proporcionarán ao alumnado solicitante a certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que estea o expediente académico.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de alumnado admitido ou excluído farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido/a da súa petición, e arquivarase esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación das relacións provisional e definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase consonte o establecido no artigo 13 desta orde.

Artigo 8. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

a) Modalidade de Música.

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito da Música.

Secretario/a: un/ha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

b) Modalidade de Danza.

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito da Danza.

Secretario/a: un/ha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

c) Modalidade de Artes Plásticas e Deseño.

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito das Artes Plásticas e o Deseño.

Secretario/a: un/ha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos criterios que se establecen a continuación para cada modalidade.

2. Modalidades de Música. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica instrumental: ata 10 puntos.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

3º. Corrección na execución: ata 10 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Calidade e equilibrio sonoro: ata 10 puntos.

2º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao carácter das obras: ata 10 puntos.

3º. Interpretación de memoria: ata 10 puntos.

4º. Presenza escénica: ata 10 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en actuacións colectivas: 1 punto por actuación.

3º. Por actuacións individuais: 2 puntos por actuación.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

5º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

3. Modalidades de Danza. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos:

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica dancística: ata 10 puntos.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

3º. Corrección na interpretación: ata 10 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao carácter das obras: ata 20 puntos).

2º. Movemento e dominio do espazo escénico: ata 20 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en actuacións colectivas: 1 punto por actuación.

3º. Por actuacións individuais: 2 puntos por actuación.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

5º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

4. Modalidade de Artes Plásticas e Deseño. O proxecto integrado ou proxecto final e os outros méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: Ata 30 puntos.

1º. Calidade da presentación e execución: ata 15 puntos.

2º. Grao de dificultade do proxecto: ata 15 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Creatividade: ata 20 puntos.

2º. Adecuación do grafismo/tipografía/ilustracións á temática: ata 20 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en exposicións colectivas: 1 punto por exposición.

3º. Por exposicións individuais: 2 puntos por exposición.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

5º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 10. Puntuacións provisionais

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas na forma establecida no artigo 13 desta orde.

O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do xurado de selección, presentándoa no Rexistro Único da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. Poderase adiantar ou por correo electrónico ao enderezo sxeefp@edu.xunta.es

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse consonte o establecido no artigo 13 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente resolución de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es.

2. Contra a resolución poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Poderase adiantar por correo electrónico ao enderezo sxeefp@edu.xunta.es

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Obrigas dos/das gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado ED311F que figura como anexo I, o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O/a beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 poderá utilizarse a declaración responsable incluída no anexo I desta orde ou certificado de estar ao día das súas obrigas tributarias. De transcorrer máis de seis meses desde a presentación da declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Publicación da información

A relación de alumnado admitido e excluído e as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.es

Artigo 14. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. O solicitante poderá autorizar, no modelo de solicitude normalizado ED311F, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos de identidade achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «alumnado» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxeefp@edu.xunta.es

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file