O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven, conforme o punto primeiro do artigo 81, e das facultades que atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo IV do seu título I, determina a organización do bacharelato en diferentes modalidades, e o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta necesario ampliar esta oferta, coa finalidade de mellorar a atención do alumnado de bacharelato.
Por todo canto antecede, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo único. Autorización de ensinanzas
Autorízase a implantación do bacharelato nas modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (código 15027903) a partir do curso 2016/17.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2016
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria