Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33474

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2016 pola que se convoca un curso de xestión de implantación da Administración electrónica na Administración local para persoal informático ao servizo da Administración local.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 4 de xaneiro de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de implantación da Administración electrónica na Administración local (CV16026).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de implantación da Administración electrónica na Administración local (CV16026), que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

O obxectivo principal do curso é que o alumnado coñeza e valore que supón a Administración electrónica, tanto desde o punto de vista das implicacións na xestión e dos procedementos e as relacións cos cidadáns como desde a perspectiva tecnolóxica.

Co curso preténdese familiarizar o alumnado coas principais normas relacionadas coa Administración electrónica e expoñer as principais actividades prácticas relacionadas co uso da sinatura electrónica e a prestación de servizos administrativos no contexto da Xunta de Galicia.

Segunda. Contido

1. Implicacións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Proxectos do MINHAP: marco de colaboración das entidades locais co Ministerio. Papel da Xunta de Galicia.

3. Proxectos da Xunta de Galicia con aplicación no ámbito da Administración local:

– Plataforma de interoperabilidade Pasaxe.

– Plataforma de notificacións electrónicas Notifica.

– Sistema Único de Rexistro. AIRES/Dixitalización de documentación.

– Outros proxectos de interese.

Terceira. Destinatarios

Persoal informático ao servizo da Administración local. De non cubrir as prazas con este colectivo, poderán optar ao curso o resto de empregados públicos da Administración local que no desenvolvemento das súas funcións teñan responsabilidades de xestión en procedementos administrativos, susceptibles de ser enfocados desde a Administración electrónica.

Cuarta. Desenvolvemento

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Prazas: 50.

Datas: do 26 de setembro ao 26 de outubro de 2016.

Realizarase una proba final presencial de avaliación do aproveitamento do curso o día 28 de outubro en horario de mañá. Para facilitar a asistencia a ela, o alumnado poderá optar a facer esta proba nunha das distintas aulas que se habilitarán nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 987 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participaren no curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Amtega poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Amtega reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Amtega garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.