Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32608

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 13 de xullo de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2016 (cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

BDNS (Identif.): 312669

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nun dos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade.

b) Ter unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que unicamente dependa da dotación de equipamento para ser posto en marcha no curso 2016/17.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas ás corporacións locais para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) da súa titularidade, a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a calidade das infraestruturas, do mobiliario e dos recursos educativos utilizados é un factor básico de impulso da calidade da atención prestada, así como convocar as ditas axudas para o ano 2016.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de xullo de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2016 (cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

Cuarto. Importe

Para as axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0.

Concederase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presente solicitude.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social