Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 13 de xullo de 2016 Páx. 30007

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de xuño de 2016 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2016/17.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, números 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándose entre outros ao ámbito da xuventude.

Así mesmo, mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modifícase a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (aprobada polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro), e co Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establécese, no seu artigo 8, a estrutura da Consellería de Política Social. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 25 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude, entre as que destacan as instalacións xuvenís e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

A Consellería de Política Social dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as cales figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e mantenza, ofrecen
aos/ás mozos/as estudantes residentes unha serie de servizos e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras, en réxime de concorrencia competitiva, para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva esta oferta de prazas para persoas colaboradoras bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2016/17 e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

6 home/muller

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

2. Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data do 31 de decembro do ano en curso.

3. Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

4. Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.

5. Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

6. Ter unha renda media familiar que non supere o 150 % do Iprem do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 6.1.b).

Artigo 3. Solicitudes

1. Lugar de presentación da solicitude.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou o sistema de identificación con usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel (anexo I) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Documentación

1. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Fotocopia de todas as follas do libro de familia onde figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

c) Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia non será preciso achegalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos (anexo I continuación).

d) Certificado de empadroamento só no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia.

e) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de que non se achegase xa certificado de empadroamento onde conste este dato.

f) Xustificación de ingresos da unidade familiar. Só haberá que presentalos no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a súa consulta.

As demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar poderán autorizar no número 2 do anexo II, en caso contrario deberán presentar a documentación correspondente.

De non prestar consentimento expreso á Consellería de Política Social para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior, terán que xuntar copia da declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación da convocatoria de cada unha das persoas da unidade familiar obrigadas a declarar ou, se é o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar nese ano.

No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a nova situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos para seren tomadas en consideración.

g) A acreditación de ser muller xestante, se é o caso, xustificase presentando unha certificación médica que acredite o embarazo no momento de presentación da solicitude de axuda.

h) A situación de violencia de xénero acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

7º. Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

i) A situación de orfandade: acreditación desta condición, se é o caso.

j) Acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegar a devandita acreditación se cada persoa da unidade familiar con discapacidade recoñecida autoriza expresamente a Consellería de Política Social para o acceso telemático dos seus datos. Así cando a condición de discapacidade a teña o/a solicitante, abondará con marcar o recadro correspondente da solicitude, noutro caso deberase asinar o anexo II.

k) Familia monoparental: acreditación mediante certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/materno-filiais.

l) Certificación académica: orixinal ou copia na cal figuren as notas correspondentes ao último curso académico en que estivo matriculado ou, se é o caso, da proba de selectividade. Na certificación deberá constar a nota media.

m) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia xuvenil de acordo coas funcións recollidas nos números 3 e 4 do artigo 10. Este proxecto deberá incluír obxectivos, metodoloxía, actividades e a temporalización e custos destas. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade, o centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos/das destinatarios/as.

n) Desemprego: acreditación da situación de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal, se é o caso. Non será necesario presentar ningunha acreditación cando se autorice expresamente a Consellería de Política Social para obter do Servizo Público de Emprego Estatal a situación actual de desemprego, a través de medios informáticos ou telemáticos. Para consentir expresamente o pai, a nai ou o titor ou titora en situación de desemprego asinarán no número 3 do anexo II.

2. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 5. Comisións cualificadoras e órgano instrutor

1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída por:

a) Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

b) Vogais:

A persoa que exerza a xefatura da Sección de Xuventude e Voluntariado e, no caso de non existir ese posto, unha persoa funcionaria do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Na designación das persoas integrantes da comisión de cualificación procurarase atender o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

A selección de solicitudes polas distintas comisións seguirá unha interpretación única dos criterios establecidos no artigo 6.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado en cada servizo territorial, e levarase a cabo conforme o estipulado no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de selección

1. Os criterios de selección que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

a) Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 7 puntos, de conformidade cos seguintes criterios de avaliación:

1º. Obxectivos. Valorarase a definición e coherencia interna dos obxectivos e o sistema de avaliación e seguimento propostos: ata 1,25 puntos.

1) Obxectivos: ata 1 punto.

- Inexistencia de descrición de obxectivos: 0 puntos.

- Descrición básica (obxectivos xerais): 0,50 puntos.

- Descrición correcta (obxectivos xerais e específicos): 1 punto.

2) Sistema de avaliación: ata 0,25 puntos.

- Non se establecen sistemas de avaliación e seguimento ou os previstos son deficientes: 0 puntos.

- O/s sistemas elixido/s é/son básicos: 0,10 puntos.

- O/s sistema/s elixido é/son destacados: 0,25 puntos.

Cando o sistema de avaliación se valora como correcto é porque se entende que resulta adecuado e suficiente para avaliar o grao de consecución dos obxectivos, a adecuada utilización dos recursos e a eficacia do programa.

2º. Metodoloxía: ata 0,25 puntos.

– Descrición básica: 0,10 puntos.

– Descrición correcta: 0,25 puntos.

3º. Actividades previstas para implementación práctica do proxecto tendo en conta: ata 5 puntos.

1) Descrición das actividades: ata 1 punto.

- Descrición básica: 0,25 puntos.

- Descrición correcta: 0,50 puntos.

- Descrición destacada: 1 punto.

2) Tipoloxía de actividades: ata 2,50 puntos.

- Educativas didácticas: 1 punto.

- Lúdicas: 0,75 puntos.

- Deportivas: 0,50 puntos.

- Outras: 0,25 puntos.

3) Carácter innovador: 0, 50 puntos.

4) Recursos que se van empregar: ata 1 punto.

- Descrición imprecisa: 0,25 puntos.

- Descrición detallada: 1 punto.

4º. Temporalización: ata 0,25 puntos.

– Imprecisión: 0,10 puntos.

– Precisión: 0,25 puntos.

5º. Custos: ata 0,25 puntos.

– Descrición imprecisa: 0,10 puntos.

– Descrición detallada: 0,25 puntos.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro (cadros 366+374 da declaración do IRPF). Tomarase o importe do total dos ingresos da unidade familiar (suma das rendas do total de membros computables), e o resultado dividirase polo número de membros computables para obter así a renda media da unidade familiar.

O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación desta convocatoria.

Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, e sempre e cando cumpran as condicións consideradas no último parágrafo do artigo 4.1.f).

A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50 % do Iprem: 10 puntos.

Entre o 50 % e o 75 % do Iprem: 8 puntos.

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do Iprem: 6 puntos.

Entre o 100 % e o 125 % do Iprem: 3 puntos.

c) Situación de familia numerosa:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Distancia desde o seu domicilio ata a residencia solicitada, segundo o seguinte baremo:

1º. De 0 a 99 km: 1 punto.

2º. De 100 a 200 km: 2 puntos.

3º. Máis de 200 km: 3 puntos.

e) Orfandade:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

f) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

g) Residencia: por ter a súa residencia familiar en Galicia: 2 puntos.

h) Embarazo: por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

i) Violencia de xénero: mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fose emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 4.1.h): 1 punto.

j) Outras circunstancias sociofamiliares: Por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e axeitadamente acreditada no momento de presentar a solicitude: ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

1º. Por ter algún/algunha irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un/unha único/a proxenitor/a que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos/as menores ao seu cargo, sempre que o outro/a proxenitor/a, non contribúa economicamente ao seu sustento.

k) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade (na proba de acceso á universidade terase en conta só a nota media da parte xeral). Cando o curso universitario sobre o que se fai a media non fose completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base en 60 créditos de que conta o curso universitario segundo o plan Boloña. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

l) Entrevista persoal. A comisión cualificadora poderá citar as persoas solicitantes para a realización dunha entrevista persoal que se valorará de 1 a 5 puntos.

Puntuarase segundo o seguinte baremo:

1º. Resposta a diferentes situacións que poden xurdir na residencia: ata 1,5 puntos.

2º. Preguntas concretas sobre o desenvolvemento do proxecto presentado (aclaracións...): ata 1,5 puntos.

3º. Motivacións para a solicitude da praza de bolseiro: ata 1 punto.

4º. Análise de aptitudes e actitudes: ata 0,5 puntos.

5º. Preguntas base para ver a súa adaptación á figura de colaborador: ata 0,5 puntos.

m) Desemprego: situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai
e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

n) Ter sido residente na mesma residencia para a que se solicita a bolsa, ben en anos anteriores ou ben no mesmo ano en que se solicita: 5 puntos.

Este criterio preferente non se terán en conta para o caso daqueles/as residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuaranse os criterios indicados no caso de non completar o curso académico na residencia polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade persoal grave dos/das residentes ou dalgún/dalgunha familiar ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade, cos/coas cales convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas merecedoras dunha bolsa de Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable por parte da comisión cualificadora prevista no artigo 5, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

2. Para os efectos do disposto neste artigo, considéranse membros computables da unidade familiar:

A persoa solicitante, o pai, a nai ou os/as titores/as legais, e os/as irmáns/irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os/as de maior idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do Iprem.

a) En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

1º. Computarase que a unidade familiar de que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo no número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

2º. Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

b) No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio non se considerará membro computable aquel/aquela que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, tendo que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

c) Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa coa que estea unido/a por análoga relación, así como os/as fillos/as, se os tiver. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugamento da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e da situación real do/da solicitante.

Artigo 7. Dereitos das persoas adxudicatarias

1. A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o seu período ordinario de funcionamento (de setembro a xullo):

a) Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento, ben que se lles reservará ás persoas residentes o dereito á tenza de enxoval nos cuartos.

b) As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

c) O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao/á bolseiro/a a normal realización dos seus estudos.

2. O recoñecemento da súa condición de colaborador/a bolseiro/a ante o resto das persoas residentes.

3. Contar coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa a actividade que desenvolva como bolseiro/a na residencia.

Artigo 8. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

1. Relación de admitidos/as e lista de espera.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 6. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da comisión de avaliación, elevará a proposta de resolución ao/á xefe/a territorial da Consellería de Política Social, que será quen resolva por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A relación provisional de admitidos/as e mais a lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública na páxina web http://xuventude.xunta.es e poderá consultarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e nas propias residencias xuvenís, así como na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

As persoas interesadas terán o prazo dos dez (10) días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

A lista de espera estará formada polas persoas solicitantes avaliadas que non obtivesen praza por quedaren fóra do corte debido ao número de prazas convocado, e estará ordenada segundo a puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 6.

2. Resolución de adxudicación da bolsa, notificación e recursos.

Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, elevarase a relación definitiva á xefatura territorial.

A resolución de concesión de adxudicación da praza e mais a relación definitiva de admitidos/as e a lista de espera coa puntuación obtida será aprobada polo/a xefe/a territorial por delegación da Consellería de Política Social no prazo máximo de dous meses, contados desde o día da publicación desta orde. As ditas relacións faranse públicas na páxina web: http://xuventude.xunta.es e poderán consultarse nos mesmos lugares indicados para a relación provisional.

A proposta de resolución definitiva será motivada e expresará a persoa solicitante ou a relación de persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención e, se é o caso, os criterios de valoración seguidos para efectuala. Ao abeiro do artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación da resolución realizarase exclusivamente a través da súa publicación na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado http://xuventude.xunta.es

A resolución comprenderá o acto de outorgamento da bolsa que será efectiva desde o día seguinte ao da súa publicación.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de seis meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Con posterioridade á primeira proposta de resolución, poderán ser realizadas outras propostas polo órgano instrutor, partindo do informe emitido pola comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de espera definida no último parágrafo do número 1 deste artigo.

As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de espera.

4. Posteriormente á publicación da resolución definitiva de adxudicación requiriranse as persoas beneficiarias para que presenten a seguinte documentación necesaria para formalizar a bolsa, advertíndolles que, no caso de non atender o requirimento, se entenderán decaídas no seu dereito á praza e redactarase nova proposta de resolución segundo o disposto no artigo 8.1:

a) Fotocopia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado médico en que se faga constar que a persoa solicitante non padece enfermidade infectocontaxiosa nin defecto físico ou psíquico que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel.

A documentación a que se refire o punto anterior terán que presentala no rexistro oficial dirixida ao Servizo de Xuventude da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, ou na mesma residencia adxudicada, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2016. No caso de que o/a interesado/a non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, e deberá, non obstante, presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 9. Xustificación da axuda

1. No mes seguinte ao remate da bolsa, a persoa interesada deberá presentar na xefatura territorial correspondente unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido na residencia. Unha copia da dita memoria será remitida pola xefatura territorial á Subdirección Xeral de Programas para a Xuventude da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para o seu arquivamento no correspondente expediente.

2. No mesmo prazo remitirase á xefatura territorial un certificado emitido pola persoa que exerza a dirección da residencia, en que conste que a persoa bolseira permaneceu na dita residencia desde a data en que se lle concedeu a bolsa ata o remate do curso académico.

Artigo 10. Obrigas dos/as colaboradores/as bolseiros/as

1. A condición de persoa colaboradora bolseira obriga a esta nos termos previstos no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Obriga de incorporarse ás residencias xuvenís o día de inicio do curso académico, segundo o plan de estudos de cada persoa beneficiaria e como máximo o 15 de outubro de 2016, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada e cubrirase a vacante conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora.

A xefatura territorial correspondente emitirá certificación da incorporación dos/das bolseiros/as ás residencias xuvenís.

3. Obriga de participar en todas as tarefas e labores relacionados coa dinamización do centro en actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras. Correspóndelle ao/á director/a da residencia asignar estas tarefas en función do proxecto de actividades previsto no artigo 4.1.m) da orde, así como tamén colaborar no funcionamento ordinario da residencia segundo as indicacións da dirección do centro.

En ningún caso, o/a bolseiro/a realizará prácticas vinculadas a tarefas que sexan exclusivas do persoal propio da Xunta Galicia.

4. Dentro das actividades de información xuvenil a que fai referencia o parágrafo anterior inclúese a de participar no programa Correspondentes xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, asumindo as obrigas e dereitos derivados do referido programa.

5. Obriga de subministrar á Administración concedente a información necesaria ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Natureza da relación bolseiros/as-Administración

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

As persoas seleccionadas adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros/as, e non substituirán ou realizarán actividades propias do persoal da residencia xuvenil. En ningún caso suporá relación contractual ou de calquera outro tipo entre o/a bolseiro/a e a Xunta de Galicia.

Artigo 12. Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas

1. O/a xefe/a territorial, logo dos informes pertinentes, e logo da audiencia ao interesado, motivando a resolución, procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no capítulo I do título II da Lei de subvencións de Galicia, así como cando as persoas adxudicatarias:

a) Incumpran as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2 e 10 desta orde.

b) Incorran en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumpran a disciplina do centro.

2. Como axuda en especie, no caso de que se declare a procedencia do reintegro da bolsa, considerarase como cantidade recibida e haberá que reintegrar un importe equivalente ao prezo de adquisición do servizo, e será exixible o xuro de demora correspondente. Todo o anterior de acordo co disposto no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Autorizacións e publicidade de subvencións

A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Política Social publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a persoa beneficiaria autoriza a Consellería de Política Social a incluír e facer públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o dito órgano, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.es

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social nos/nas xefes/as territoriais da Consellería de Política Social, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Política Social.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia na Lei de subvencións de Galicia e demais normas de procedente aplicación.

A devolución da axuda concedida por incumprimento das condicións establecidas e aceptadas polo/a bolseiro/a non se insire no ámbito do dereito sancionador.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file