Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 15 de xuño de 2016 Páx. 24412

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN848C).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) establece o marco xeral de actuación cara ao que se deben enfocar os esforzos da política de cohesión europea e fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e na innovación; desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva, e desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para ser cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, e atribúelle, no seu artigo 15.3, a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 e prevé, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o Programa de retención, incorporación e mobilidade de talento, dirixido a fomentar o espírito emprendedor innovador, mediante o instrumento de fomento do talento que servirá para axudar á incorporación de talento investigador e tecnólogos en centros de investigación así como nas empresas galegas, como vía para fomentar especificamente a atracción e/ou retención de investigadores que orienten a súa actividade para atender as demandas do sector produtivo galego a través da realización de proxectos de innovación dentro das empresas que se baseen na transferencia ou valorización de coñecemento. Así mesmo, inclúese igualmente como instrumento de desenvolvemento o programa Peme Innova, dirixido a fomentar a capacidade innovadora das pemes, propiciándolles acceso, entre outros, a recursos intanxibles, como pode ser a contratación de doutores, tecnólogos, e/ou profesionais cualificados para a indución de innovación na empresa, que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de absorción de coñecemento na parte de desenvolvemento de actividades de I+D+I con clara orientación ao mercado.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión das axudas reguladas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo con criterios de valoración de natureza obxectiva. Estas axudas axustaranse, no que respecta ás empresas, ao réxime de axudas de minimis segundo o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Porén, as que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. En todo caso, os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 3 do devandito marco comunitario.

Consecuentemente con todo o anterior, o director da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848C), axustándose as axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 2. Definicións

1. Gran empresa, enténdese toda empresa que non cumpre cos requisitos para ser considerada como peme nos termos establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. Pequena e mediana empresa: segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa a menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos deberán terse en conta as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación) segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014 toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

4. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e do rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán actividades subvencionables a contratación de persoas técnicas durante un período mínimo dun ano para a realización de actividades de I+D+i, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realizarán as persoas contratadas deberán desenvolverse en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estarán aliñadas cos retos e coas prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (anexo III).

b) O custo mínimo anual por cada persoa traballadora contratada, incluídos custos salariais e a Seguridade Social a cargo da empresa, será de 24.000 euros. Para os efectos destas axudas, non se considerarán custos salariais o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) O persoal contratado deberá cumprir as seguintes condicións:

– Ser menor de 35 anos no momento da contratación.

– Estar en posesión dun título medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

– Non ter experiencia laboral superior a 12 meses na categoría profesional correspondente á súa titulación. Para o cómputo desta experiencia non se computarán as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais e as bolsas.

– Non ter sido contratado, baixo calquera modalidade, ao longo do ano 2016 pola entidade solicitante.

2. A selección e contratación do persoal técnico, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Artigo 5. Contía do incentivo e concorrencia

1. A contía do incentivo que percibirán as entidades beneficiarias será de 10.000 euros por cada persoa contratada, ata un máximo de 10 contratos por entidade beneficiaria.

2. O incentivo en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionable ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

3. O incentivo será compatible, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 6. Financiamento

1. Os incentivos imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis incentivos de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848C.

Beneficiarios

Aplicación

Código do proxecto

2016

2017

Total

Empresas

09.A3.561A.470.0

2016 17

600.000 €

600.000 €

1.200.000 €

Organismos de investigación

09.A3.561A.480.0

2016 17

400.000 €

400.000 €

800.000 €

Total

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

2. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sendo posible incluso a incorporación de novas aplicacións, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias sen incrementar o crédito total.

Artigo 7. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. A documentación complementaria, relacionada no artigo 8 desta resolución, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Documentación das solicitudes

1. Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo representante legal da entidade solicitante, deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a seguir se relaciona distinguindo a documentación xurídico-administrativa e a documentación técnica.

2. Documentación xurídico-administrativa:

a) No caso de que se denegue expresamente a verificación, declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

b) No caso de que non se autorice a verificación da capacidade no Rexistro Mercantil, deberá presentar a escritura de constitución da entidade e do poder bastante do representante legal.

c) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade deberá presentar copia do DNI/NIE do representante legal.

d) No caso de denegar expresamente a verificación, deberá presentar copia do NIF en vigor da entidade que solicita a axuda.

e) No caso de ter concedida algunha axuda copia da resolución de concesión.

3. Documentación técnica:

Memoria da/das actividade/s de I+D+i a realizar, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

Artigo 9. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código o indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 08/981 95 73 93 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico: servizos.gain@xunta.es.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.es.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, neste caso deberá achegar coa solicitude estas certificacións que deberán estar en vigor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta resolución, salvo que xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras dos procedementos.

6. Consonte o disposto no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base nacional de subvencións non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominados «Emprego xuvenil innovador», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A, 6º, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: gain@xunta.es.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 13. Notificacións e publicación

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Por tratarse de procedementos de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 14. Prazo de duración dos procedementos de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nesta convocatoria, e non poderá ter unha duración superior a dous meses.

Artigo 15. Órganos competentes

A unidade competente en materia de xestión de axudas da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

Artigo 16. Instrución

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, ou non se acompaña da documentación exixida requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992. Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano instrutor formulará proposta de resolución de inadmisión daquelas solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de avaliación

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e estará composto por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación. Un deles actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. A Comisión realizará a súa avaliación mediante a comparación de cada solicitude de contratación individual de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo seguinte e emitirá un informe final no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada, remitíndoo ao órgano instrutor. De producirse empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida no criterio establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 18. Criterios de valoración

A concesión das subvencións previstas na presente resolución realizarase conforme os seguintes criterios obxectivos sobre un total de 70 puntos, que serán aplicados e avaliados pola comisión de valoración prevista no artigo anterior:

1. Tipo de contrato:

– Por contrato indefinido: 15 puntos.

– Por contratos temporais:

13 meses: 1 punto.

14 meses: 2 puntos.

15 meses: 3 puntos.

16 meses: 4 puntos.

17 meses: 5 puntos.

18 meses: 6 puntos.

19 meses: 7 puntos.

20 meses: 8 puntos.

21 meses: 9 puntos.

22 meses: 10 puntos.

23 meses: 11 puntos.

24 meses ou máis: 12 puntos.

2. Experiencia profesional previa da persoa que se vai contratar (excluída a experiencia noutras categorías profesionais así como as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais e as bolsas):

– 11 meses: 1 punto.

– 10 meses: 2 puntos.

– 9 meses: 3 puntos.

– 8 meses: 4 puntos.

– 7 meses: 5 puntos.

– 6 meses: 6 puntos.

– 5 meses: 7 puntos.

– 4 meses: 8 puntos.

– 3 meses: 9 puntos.

– 2 meses: 10 puntos.

– 1 mes: 11 puntos.

– Inferior a 1 mes ou sen experiencia: 12 puntos.

3. Perfil da persoa que se vai contratar:

+ 7 puntos se a persoa que se vai contratar é muller.

+ 5 puntos se a persoa que se vai contratar ten unha discapacidade certificada superior ao 33 %.

A puntuación desta epígrafe será acumulable para o caso de que a persoa que se vai contratar cumpra os dous requisitos.

4. Custo anual da persoa que se vai contratar (incluídos custos salariais e Seguridade Social a cargo da empresa):

– Entre 24.001 e 27.000 euros: 1 punto.

– Entre 27.001 e 30.000 euros: 3 puntos.

– Entre 30.001 e 33.000 euros: 5 puntos.

– Entre 33.001 e 36.000 euros: 7 puntos.

– Entre 36.001 e 39.000 euros: 9 puntos.

– Entre 39.001 e 42.000 euros: 11 puntos.

– Entre 42.001 e 45.000 euros: 13 puntos.

– Máis de 45.000 euros: 15 puntos.

5. Titulación da persoa que se vai contratar:

– Grao (licenciado/diplomado): 1 punto.

– Posgrao (curso de posgrao/máster): 2 puntos.

– Doutor: 3 puntos.

A puntuación desta epígrafe non será acumulable e computarase unicamente o nivel de titulación máis alto.

6. Número de contratos que realizará a entidade, ao abeiro desta resolución:

– 2 contratos: 2 puntos.

– 3 contratos: 3 puntos.

– 4 contratos: 4 puntos.

– 5 contratos: 5 puntos.

– 6 contratos: 6 puntos.

– 7 contratos: 7 puntos.

– 8 contratos: 8 puntos.

– 9 contratos: 9 puntos.

– 10 contratos: 10 puntos.

7. Prestación dun plan de formación complementario ao persoal contratado:

– Entre 20 e 40 horas: 1 punto.

– Entre 41 e 60 horas: 2 puntos.

– Máis de 60 horas: 3 puntos.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter o incentivo e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe do incentivo para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade, informando expresamente, no caso das empresas, do seu carácter de minimis, en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda, no cal deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Prazo para a contratación do persoal técnico.

b) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir.

c) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

d) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte a presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo deste prazo.

5. Tal e como se recolle no artigo 14 desta resolución, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de dous meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e débese obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no proxecto.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou conómicas tidas en conta para a concesión da axuda, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación do persoal contratado por instancia do beneficiario se cumpre os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais e que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que a modificación obedeza a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude, isto é: non superación do período de proba do traballador contratado, baixa voluntaria ou calquera outra de carácter obxectivo, excluído o despedimento improcedente.

5. A solicitude de modificación debe formularse polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas, e por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O director da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos dos artigos 42.1, 90 e 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Contratación do persoal técnico

1. Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión, a entidade beneficiaria procederá á contratación do persoal técnico no prazo e nos termos establecidos na dita resolución.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a contratación con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria e tendo en conta que, en todo caso, os contratos de traballo deberán subscribirse antes do 1 de decembro de 2016.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda (1 ou 2).

4. Os contratos de traballo subscritos deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativoCONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. As contratacións que incumpran calquera destes requisitos non poderán ser incentivadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas de conformidade co disposto no artigo 26.

Artigo 24. Pagamento

1. O aboamento do incentivo para a contratación do persoal técnico farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación dentro dos prazos que se relacionan:

A. 2016:

Prazo: 10 días contados a partir da data do último contrato incentivado subscrito e, en todo caso, antes do 15 de decembro de 2016.

Documentación:

a) Modelo de solicitude, que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas, no cal constarán as seguintes declaracións responsables:

– Custo anual por traballador contratado, incluíndo custos salariais e Seguridade Social a cargo da empresa. Para estes efectos, non se considerarán custos salariais o importe das indemnizacións previstas polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

– Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

– Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copias dos contratos de traballo do persoal técnico.

c) Resolucións sobre o recoñecemento de alta na Seguridade Social (modelo TA2R) e informes de datos de cotización (modelo IDC) do persoal contratado.

d) Copia da vida laboral do persoal contratado.

e) Documento de información ao persoal contratado, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es) e no cal constarán, se é o caso, a aceptación do plan de formación acordado así como as autorizacións relativas á consulta dos datos de identidade, titulación e acreditación do grao de discapacidade.

f) Só no caso de que non se autorice a consulta no documento anterior:

1. Copia do título universitario das persoas traballadoras contratadas.

2. Se é o caso, copia da acreditación da posesión do grao de doutor ou posgrao.

3. Se é o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

g) Só no caso de denegar expresamente a súa consulta, declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

B. 2017:

Prazo: desde o 1 de febreiro ata o 15 de marzo de 2017 (ambos os dous incluídos).

Documentación:

a) Modelo de solicitude, que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas, no cal constarán as seguintes declaracións responsables:

– Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

– Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

b) Só no caso de denegar expresamente a súa consulta, declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

2. O cumprimento dos requisitos de contratación tidos en conta para a valoración de acordo cos criterios establecidos no artigo 18 será comprobado de oficio polo órgano concedente, e a súa acreditación incorporarase ao expediente.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. As ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

j) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i en que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe. O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

k) Para os casos de contratación indefinida, manter no seu cadro de persoal fixo o persoal contratado durante un período de dous anos contados desde a data de realización a contratación.

l) Para os efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo de 14 meses desde a realización da contratación, a seguinte documentación:

– Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, ou documentación equivalente no caso de que a entidade empregue o sistema de liquidación directa da Seguridade Social SILTRA, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez que se dispoña destes.

– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.

m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día das súas obrigacións coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 27. Causas de reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 24.1: reintegro do 2 % do incentivo.

d) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer no momento do seu vencemento, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % do incentivo. Para o caso de reincidencia na comisión continuada deste incumprimento: reintegro total do incentivo.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas na resolución de concesión: reintegro do 2 % do incentivo.

f) As renuncias/abandonos do persoal contratado debidamente documentados e sen proceder á súa substitución de acordo co previsto no artigo 21.3 serán causa de reintegro do incentivo, proporcional ao número de días deixados de realizar, sempre e cando a persoa contratada acadase un período mínimo de seis (6) meses. En caso contrario, ademais do anterior, procederá un reintegro do 10 % sobre o incentivo restante.

g) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

h) Procederá o reintegro do 10 % do incentivo, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 27 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicaráselle ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar, en calquera momento, aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerá o reintegro da subvención concedida. Ademais de esta actividade final de inspección, a Axencia, no marco do seu plan anual de inspección poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante, DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 30. Publicidade

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 31. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes a partires do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o director da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992.

Artigo 32. Normativa aplicable

1. As axudas obxecto desta convocatoria, polo que respecta ás empresas, seralles de aplicación o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Será de aplicación supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e do rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vinculadas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. (Valorización-Mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vinculados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción do coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura. (Acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade de produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña. (Biomasa e Enerxías Mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as que se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das olas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos como o naval, e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. (Modernización Sectores Primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, e articularanse principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro y protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo a nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. (TIC-Turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras [TFE], orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. (Diversificación Sectores Tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vinculadas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo nos eidos vinculados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «fábrica do futuro» e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. (Competitividade Sector Industrial).

Para iso defínense como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que estes entrañan, por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, o mesmo que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE). (Economía do Coñecemento: TIC e TFE).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar dos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido á súa compoñente transversal.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal. (Envellecemento Activo).

As actividades principais vinculadas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente adecuado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo as demandas tecnolóxicas do ecosistema socio-sanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vinculados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional arredor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. (Alimentación e Nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación articulada arredor da nutrición, dos alimentos funcionais, nutracéuticos, da alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, dos hábitos de vida saudable vinculados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa comunidade.