Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 14 de xuño de 2016 Páx. 24183

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido.

A evolución producida nos últimos anos no marco da investigación e da innovación fai necesario un cambio normativo en prol de acadar un maior impulso neste ámbito, para favorecer a transferencia e posta en valor dos resultados da actividade investigadora e potenciar o crecemento e consolidación profesional do persoal investigador.

No ámbito autonómico, elaborouse a Lei 5/2013, do 30 de xuño, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que regula o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e de innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. A norma regula no seu capítulo III o Plan galego de investigación e innovación como instrumento fundamental de planificación e coordinación das políticas en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia. A disposición transitoria da Lei 5/2013 dispón que o Plan de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (en diante, I2C) se manterá vixente como Plan de investigación e innovación de Galicia e determina que para os efectos de seguimento e revisión se aplicará o previsto na sección 2ª do capítulo III da devandita lei mentres este plan estea vixente.

O Plan I2C inclúe dentro do eixo estratéxico 1 (xestión do talento), actuacións orientadas a apoiar a carreira investigadora e a consolidación do persoal investigador co fin de dispor das capacidades necesarias para acadar os obxectivos marcados no plan.

No ámbito estatal, a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, tecnoloxía e a innovación (en diante Lei 14/2011, do 1 de xuño) establece un marco de coordinación xeral da investigación científica e técnica. Esta norma regula o persoal investigador ao servizo das universidades públicas, dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do estado e dos organismos de investigación doutras administracións públicas, nos artigos 16, 17, 18, 20, 21, 22 e 23, e disposición adicional décimo sexta que, consonte a súa disposición derradeira novena, teñen carácter básico. Esta lei outorga aos organismos públicos de investigación a capacidade de contratación de persoal investigador e establece as distintas modalidades de contrato de traballo específicas que aplicarán.

Por outra banda, a Lei 14/2007, de 3 de xullo, de investigación biomédica, no seu artigo 83.4, fai referencia á participación dos organismos públicos de investigación dependentes das comunidades autónomas na execución da investigación biomédica, e autoriza, no número 5 do mesmo artigo, os ditos organismos para contrataren persoal científico, expertos e expertas en desenvolvemento tecnolóxico e outro persoal especialista relacionado coas actividades de I+D, para colaborar na execución das actividades de investigación de desenvolvemento tecnolóxico.

A Axencia Galega de Innovación (en diante GAIN), dada a súa condición de organismo público de investigación tal e como establece a Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, poderá contratar persoal investigador en réxime laboral mediante as modalidades contractuais recollidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño.

Como axente impulsor das políticas de xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia, a GAIN definiu o programa Oportunius, para a creación dun marco laboral flexible para o persoal investigador, baseado no logro e mantemento da excelencia científica e orientado a dar resposta ás prioridades rexionais definidas na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (en diante, RIS3).

Unha das iniciativas do programa enfócase cara á captación, retención e recuperación de persoal investigador de traxectoria destacada e excelencia recoñecida, a través da cal a GAIN ofrece un contrato laboral a aqueles investigadores/as beneficiarios/as dunha bolsa do European Research Council (en diante, ERC), para que os ditos investigadores desenvolvan a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de maio de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer o réxime de contratación pola GAIN de persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido, así como o seu proceso de selección, os seus dereitos e obrigacións e o réxime de extinción do seu contrato.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Este decreto será de aplicación ao persoal investigador contratado pola GAIN que no momento da formalización do contrato de traballo estea en posesión dunha bolsa do ERC.

2. O persoal investigador contratado pola GAIN rexerase polo disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, nas súas normas de desenvolvemento e polo disposto no presente decreto.

TÍTULO II

Réxime de contratación do persoal investigador

CAPITULO I

Disposicións xerais

Artigo 3. Réxime xurídico

A GAIN contratará persoal investigador en réxime laboral, atendendo á modalidade contractual de investigador distinguido, recollido no artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

Artigo 4. Autorización para contratar

Con carácter previo á formalización dos contratos serán precisas as autorizacións que para este tipo de contratos establezan as leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Obxecto do contrato

O traballo que se desenvolverá consistirá na realización de actividades de investigación ou a dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da GAIN.

Artigo 6. Duración do contrato

O contrato terá duración determinada e a rescisión e mantemento do contrato supeditaranse aos resultados derivados do proceso de avaliación establecido no artigo 14 do presente decreto.

Artigo 7. Extinción do contrato

1. O contrato poderá extinguirse polas causas establecidas no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

2. No caso de dimisión por parte do persoal investigador, deberá mediar un aviso previo de 3 meses.

3. Consonte o disposto no artigo 23.e) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e ao abeiro do artigo 49.1.b) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, tamén son causas de extinción do contrato de traballo:

a) A perda da bolsa de investigación do ERC que motivou a realización do contrato.

b) A avaliación negativa por parte do ERC.

c) A avaliación negativa da GAIN.

4. De conformidade co artigo 23.f) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato poderá extinguirse por desistencia da GAIN, comunicado por escrito cun aviso previo de 3 meses. O incumprimento total ou parcial do aviso previo dará dereito ao investigador/a a unha indemnización equivalente aos salarios correspondentes á duración do período incumprido.

No caso de desistencia por parte de GAIN, o persoal investigador contratado terá dereito a percibir a indemnización prevista para o despedimento improcedente no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, sen prexuízo da que lle puider corresponder por incumprimento total ou parcial do aviso previo.

Artigo 8. Réxime de incompatibilidades

O persoal investigador contratado non poderá realizar contratos de traballo con outras entidades, salvo autorización expresa da GAIN, e sen prexuízo do respecto á normativa sobre incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 9. Adscrición dos investigadores

1. A GAIN poderá autorizar a adscrición do persoal investigador contratado a outros axentes públicos de investigación de Galicia, e a outros axentes privados sen ánimo de lucro en cuxos órganos de goberno teñan participación aquelas institucións públicas, nos termos do artigo 17.2 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

2. A adscrición do persoal investigador requirirá a previa ou simultánea formalización dun convenio entre a GAIN e a institución de acollida, no cal se establecerán as condicións polas que se rexerá a colaboración entre ambas as partes.

3. O obxecto e as condicións da adscrición serán as establecidas no artigo 17.2 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

Artigo 10. Mobilidade do persoal investigador

1. O persoal investigador poderá solicitar a mobilidade entre as distintas institucións ás cales se refire o artigo 9.1 deste decreto.

2. Durante a vixencia da bolsa do ERC, a mobilidade do persoal investigador requirirá a aprobación da Axencia Executiva do ERC (en diante, ERCEA) e da GAIN. Unha vez rematada a vixencia da bolsa do ERC, a mobilidade farase efectiva logo de aprobación pola GAIN.

3. En todo caso, a efectividade da mobilidade exixirá a formalización dun novo convenio de colaboración entre a GAIN e a nova institución de acollida.

Artigo 11. Convenios de colaboración

1. O convenio entre a GAIN e as institucións de acollida establecerá o marco de colaboración para o desenvolvemento adecuado da actividade investigadora.

2. O convenio de colaboración, ademais do contido previsto no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, deberá prever:

a) Os dereitos e obrigas do persoal investigador e da institución de investigación que o acolle, estableciedos no (Supplementary Agreement) o acordo asinado entre eles no marco das bolsas do ERC).

b) Os medios e instalacións que serán postos á disposición do investigador/a.

c) As condicións relativas á organización do traballo.

d) O modelo que se aplicará canto á titularidade, xestión e transferencia dos dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial entre a GAIN e a institución de acollida.

e) O modelo de goberno, identificando os órganos de xestión e coordinación xeral do convenio.

f) A designación na GAIN e na institución de acollida dun responsable de coordinar as condicións en que se desenvolverá a actividade investigadora.

CAPÍTULO II

Avaliación da actividade investigadora

Artigo 12. Obxecto

1. Co fin de garantir o mantemento da excelencia da actividade investigadora, os investigadores/as contratados/as baixo a modalidade de investigador distinguido estarán sometidos a un proceso de avaliación.

2. O procedemento de avaliación terá debidamente en conta a creatividade global dos traballos, a metodoloxía e xestión da actividade investigadora, o cumprimento de prazos e obxectivos e os resultados obtidos da actividade desenvolta.

Artigo 13. Procedemento de avaliación

1. No marco do contrato laboral na GAIN, os investigadores/as serán avaliados cunha periodicidade de 5 anos e con base nos seguintes criterios:

a) Excelencia investigadora: resultados obtidos na actividade de investigación.

b) Produción científica: publicacións realizadas e impacto delas (publicacións en revistas de prestixio, en revistas internacionais …).

c) Captación de fondos: capacidade de captación de fondos públicos e/ou privados rexionais, nacionais, europeos para investigación.

d) Participación en congresos/ conferencias/ seminarios de prestixio: realización de relatorios, cursos, obradoiros, etc.

e) Evolución e crecemento do equipo de investigación: desenvolvemento dos investigadores/as que forman parte do equipo.

f) Mobilidade xeográfica, intersectorial e interdisciplinar, así como entre sector público e privado.

2. A avaliación correrá a cargo da GAIN, a cal nomeará unha comisión avaliadora que contará, entre os seus membros, con paneis de persoas expertas nacionais ou internacionais na especialidade en que o persoal investigador avaliado desenvolve o seu traballo.

3. En función do nivel de excelencia e calidade demostrados, o resultado da avaliación cualificarase como Pauper (moi malo), Malus (malo), Bonus (bo) ou Eminens (moi bo).

Artigo 14. Efectos da avaliación

1. As avaliacións e controis realizados polo ERC durante o período de vixencia da bolsa non serán considerados para efectos retributivos. No caso de que a avaliación realizada polo ERC sexa negativa, a GAIN poderá optar pola rescisión do contrato.

2. As avaliacións realizadas pola GAIN conforme o establecido no artigo anterior terán os seguintes efectos :

a) Unha avaliación Pauper será causa de rescisión do contrato.

b) Unha primeira avaliación Malus impedirá o investigador para optar ao complemento de rendemento investigador. Unha segunda avaliación Malus suporá a rescisión do contrato do investigador.

c) A avaliación Bonus e Eminens dará dereito ao persoal investigador para percibir o complemento de rendemento investigador conforme o estipulado no artigo 25 do presente decreto.

Artigo 15. Recoñecemento de méritos

O persoal investigador contratado pola GAIN poderá solicitar a avaliación da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA) ou, se for o caso, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) unicamente para efectos de recoñecemento de méritos, sen que a mesma sexa vinculante para o mantemento do contrato.

TÍTULO III

Selección do persoal investigador

Artigo 16. Sistema de selección

1. A selección do persoal investigador realizarase entre investigadores de recoñecido prestixio no ámbito científico-técnico a través dun concurso de valoración de méritos, con base no perfil sinalado en cada convocatoria pública e, se for o caso, nas probas complementarias que se determinen.

2. Para efectos do presente decreto consideraranse investigadores de recoñecido prestixio no ámbito científico e técnico exclusivamente ás persoas que teñan titulación de doutor ou equivalente e estean en posesión dunha bolsa ERC.

3. As candidaturas poderán ser avaliadas de acordo con criterios de excelencia científica internacionalmente recoñecidos tales como importancia e impacto das publicacións, proxectos conseguidos en Galicia, proxectos nacionais e internacionais, volume de financiamento captado, capacidade de liderado, visibilidade internacional, e mobilidade xeográfica, intersectorial, interdisciplinar e entre os sectores públicos e privados.

Artigo 17. Principios de selección

Para a selección do persoal investigador aplicarase o disposto no artigo 16 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

Ademais, os órganos de selección velarán polo cumprimento do principio de igualdade de oportunidade entre sexos. Así mesmo, cando sexa posible, incluiranse procesos de avaliación confidencial.

Artigo 18. Convocatorias

Para a selección do persoal investigador, a GAIN procederá a efectuar as correspondentes convocatorias, establecendo as súas bases e contido e encargándose da súa publicación. Nas convocatorias, como mínimo, farase constar:

a) Obxecto da convocatoria e número de prazas.

b) Condicións e requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.

c) Descrición do proceso de selección.

d) Composición do órgano de selección.

e) Prazo máximo para resolver a convocatoria.

f) Modelo de solicitude e documentación que se achegará.

g) Prazo de presentación das solicitudes.

h) Órgano a que deben dirixirse as solicitudes.

i) Lugares de publicación das distintas resolucións que se xeren ao longo do proceso.

Artigo 19. Órgano de selección

1. O órgano de selección estará constituído por cinco membros designados pola GAIN e terá a composición seguinte:

a) Presidente/a, que deberá estar en posesión do título de doutor/a.

b) Catro vogais que deberán ser expertos/as do ámbito da investigación altamente cualificados/as no eido científico e con coñecementos avanzados no ámbito temático de que se trate, que deberán estar en posesión da titulación de doutor/a.

2. Actuará como secretario/a do órgano de selección, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da GAIN designado/a pola persoa titular da súa dirección.

3. Na composición do órgano de selección procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

TÍTULO IV

Condicións de traballo

Artigo 20. Obxecto

A GAIN deberá velar por que as condicións laborais do persoal investigador, incluído aquel con discapacidade, proporcionen a flexibilidade necesaria para garantir o rendemento da investigación, proporcionando unhas condicións de traballo que lles permita a conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 21. Xornada, horario de traballo, festas, permisos e vacacións

Con base no regulado no artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, a duración da xornada laboral, os horarios, festas, permisos e vacacións serán os fixados nas cláusulas dos contratos, nos termos establecidos pola normativa laboral.

Artigo 22. Estadías formativas

1. Segundo establece o artigo 17.5 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal investigador contratado poderá realizar estadías formativas en centros de recoñecido prestixio sempre que estas sexan autorizadas pola GAIN e pola institución de investigación onde o persoal investigador desenvolva a súa actividade.

2. A concesión da autorización subordinarase ás necesidades do servizo e ao interese que o organismo en que o persoal investigador presta servizos teña na realización dos estudos.

A autorización concederase para a ampliación da formación en materias directamente relacionadas coa actividade de investigación científica e técnica, desenvolvemento tecnolóxico, transferencia ou difusión do coñecemento que o persoal investigador viñese realizando na institución de investigación de orixe, ou naquelas consideradas de interese estratéxico para ela.

3. A duración acumulada das autorizacións concedidas a cada investigador/a cada cinco anos non poderá ser superior a dous anos.

Artigo 23. Retribucións

1. As retribucións do persoal investigador contratado pola GAIN estarán constituídas polo salario base e polo complemento salarial de antigüidade, o complemento persoal e o complemento de rendemento investigador.

2. O salario base retribúe a xornada ordinaria de traballo e a súa contía será idéntica para o persoal investigador incluído dentro do ámbito de aplicación deste decreto.

3. O complemento de antigüidade devindicarase na forma e na contía establecida no convenio colectivo vixente para o persoal laboral do grupo I da Xunta de Galicia.

Artigo 24. Complemento persoal

O complemento persoal retribúe as condicións particulares do persoal investigador e a súa contía fixarase con base nunha porcentaxe aplicada sobre o salario base en función da bolsa ERC da cal sexa beneficiario/a o traballador/a. Para o persoal beneficiario da axuda Starting Grant fíxase no 25 % do importe do salario base; para o beneficiario da Consolidator Grant, no 60 % do salario base; e para o beneficiario do Advanced Grant, no 100 % do salario base.

Artigo 25. Complemento de rendemento investigador

1. O complemento de rendemento investigador estará vinculado aos resultados da avaliación da actividade investigadora e devindicarase pola obtención da valoración Bonus ou Eminens nos termos recollidos nos números seguintes.

2. A súa contía consistirá nunha porcentaxe fixada en función da valoración obtida e aplicada sobre o salario base e o complemento persoal. Para unha valoración Bonus establécese unha porcentaxe do 10 % do salario base e do complemento persoal, mentres que para unha valoración Eminens, este concepto ascenderá ao 20 % do salario base e do complemento persoal.

3. Superada a avaliación, o investigador adquirirá e consolidará o dereito a percibir o complemento de rendemento investigador en función da valoración obtida e con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel en que se obteña a correspondente valoración.

Artigo 26. Ampliación do cómputo da duración do contrato

A situación de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade, ampliarán o cómputo da duración do contrato.

TÍTULO V

Dereitos e obrigas

Artigo 27. Dereitos do persoal investigador contratado

Sen prexuízo do disposto no artigo 14 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal investigador contratado terá os seguintes dereitos:

a) Percibir a retribución correspondente e beneficiarse dos dereitos de carácter laboral e os relativos á Seguridade Social que deriven do contrato que formalicen coa GAIN.

b) Supervisar a execución científica e tecnolóxica do proxecto.

c) Manter a súa autonomía científica, con liberdade para elixir os membros do seu equipo de acordo cos procedementos establecidos pola correspondente institución de investigación, publicar como autor ou autora e controlar o orzamento do proxecto.

Artigo 28. Obrigas do persoal investigador contratado

Sen prexuízo do disposto no artigo 15 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal investigador contratado terá as seguintes obrigas:

a) Cumprir coas condicións e obrigacións establecidas no contrato.

b) Cumprir en todo momento as normas de orde xeral, as de boa práctica científica e os regulamentos de réxime interno que estean establecidas no centro onde preste servizo.

c) Facer mención pública da súa condición de persoal investigador do programa Oportunius en todas as publicacións e actos nos cales participe.

d) Mentres sexa beneficiario da bolsa do ERC, cumprir as condicións establecidas no acordo asinado entre o devandito persoal investigador e a institución no marco da bolsa ERC (recollidas no Supplementary Agreement) e poñer á disposición da institución e da GAIN os resultados derivados das avaliacións e controis realizados polo ERC.

e) Informar a GAIN e o ERC dos cambios que poidan afectar o disposto no Grant Agreement, asinado co ERCEA: en particular, enviar á ERCEA os informes científicos (Scientific reporting) coa periodicidade establecida para informar do avance científico do proxecto.

Artigo 29. Obrigas das institucións públicas de investigación de acollida

Serán obrigas xerais das institucións en que o investigador desenvolve a súa actividade:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas no correspondente convenio de colaboración.

b) Destinar o persoal investigador ao desenvolvemento das tarefas obxecto do contrato.

c) Apoiar o persoal investigador no desenvolvemento do proxecto e asegurar a súa autonomía científica.

d) Proporcionar ao persoal investigador infraestrutura, equipamento, produtos e outros servizos que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

e) Asegurar a autonomía científica do persoal investigador dándolle liberdade para elixir os membros do seu equipo, publicar como autor ou autora sénior e controlar o orzamento do proxecto.

f) Ofrecer asistencia administrativa para a implementación do proxecto.

g) Durante o período de vixencia da bolsa do ERC, cumprir coas condicións establecidas no acordo asinado entre o devandito persoal investigador e a institución no marco da bolsa ERC (recollidas no Supplementary Agreement). En particular, enviar o Financial management reporting ao ERCEA.

Disposición adicional primeira. Participación nos beneficios por explotación dos resultados da actividade de investigación

O persoal investigador contratado pola GAIN ao abeiro deste decreto terá dereito a participar nos beneficios que obteñan as entidades para as cales prestan servizos como consecuencia da eventual explotación dos resultados da actividade de investigación, desenvolvemento ou innovación en que participasen, de acordo coa normativa interna da dita entidade.

Disposición adicional segunda. Modificación dos estatutos da Axencia Galega de Innovación

Engádese o artigo 25 bis no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, coa seguinte redacción:

«Artigo 25.bis: Persoal laboral propio.

A Axencia Galega de Innovación poderá contar, así mesmo, con persoal laboral propio contratado baixo a modalidade de contrato de investigador distinguido, previsto no artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e segundo o establecido na disposición adicional primeira da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e conforme o réxime de contratación que se estableza para estes efectos».

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de I+D+i para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 54/2016, do 25 de maio; DOG núm. 99, do 26 de maio)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria