Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 7 de xuño de 2016 Páx. 22558

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2016 pola que se convoca un curso de aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2010) para persoal do Concello da Coruña.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito o 2 de xaneiro de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello da Coruña para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2010) (CV16019).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2010) que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os empregados públicos e as empregadas que presten servizo no Concello da Coruña, que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante, á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 12 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

a) As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberá xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación. As datas e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello da Coruña poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello da Coruña reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello da Coruña garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV16019.

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2010):

1. Obxectivos.

Proporcionar uns coñecementos introdutorios no manexo do xestor de bases de datos relacionais.

2. Destinatarios.

Persoal do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 50 horas.

Edicións: dúas.

Datas: do 15 de setembro ao 3 de novembro de 2016.

Proba final presencial: o día 8 de novembro.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo I. Introdución a Access.

– Introdución ás bases de datos.

– Obxectos dunha base de datos relacional.

– Análise e deseño dunha base de datos.

Módulo II. Táboas.

– Crear táboas.

– Relacionar táboas.

Módulo III. Consultas.

– Consultas.

– Crear unha consulta desde a vista de deseño.

– Consultar datos de máis dunha táboa.

Módulo IV. Formularios.

– Formularios I.

– Creación dun formulario.

– Formularios II.

– Creación dun formulario con subformulario usando o asistente.

Módulo V. Informes.

– Informes.

– Creación dun informe.

– Codificar o deseño dun informe.