Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 2 de xuño de 2016 Páx. 21788

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2016 pola que se publica o alleamento do inmoble do antigo Hospital Provincial de Galeras mediante procedemento de poxa pública á alza.

A USC acorda a celebración dunha nova poxa pública á alza, con presentación de ofertas en sobre pechado, cuxo prego de condicións xerais poderá ser examinado na Sección de Patrimonio da USC.

Descrición: predio de 3.666 m2 que alberga un edificio denominado antigo hospital provincial, edificio de seis andares cunha superficie construída de 14.530 m2, cun aproveitamento urbanístico de 11.800 m2.

É propiedade de pleno dominio da USC por compra á Tesouraría Xeral da Seguridade Social con motivo da reparcelación realizada a través da ordenación especial OE-5 de Galeras.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade número 2 da cidade de Santiago de Compostela con data do 12 de maio de 2003, predio número 37575, libro 439, tomo 1397, folio 164, sección 2ª, coa seguinte descrición: parcela de forma rectangular denominada AS-G sobre a que se edificou o denominado hospital provincial.

Referencia catastral: 7081201NH3478A0001EE.

Condicións urbanísticas: as que derivan da aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación urbana (PXOU) e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para a creación da parcela AS.G, incluída no ámbito da ordenanza especial OE-5 (Galeras-Universidade). Posúe a seguinte cualificación: solo urbano, equipamento de carácter privado. No edificio autorízanse ademais dos usos considerados na OE-5, residencial-comunitario, asistencial e sanitario, todos aqueles que se describen no artigo 136 do PXOM, na epígrafe de sistema de equipamentos e dotacións. Admitiranse como usos permitidos os terciarios.

Ponse en coñecemento dos posibles interesados que o predio antes descrito se atopa libre de cargas.

Tipo de licitación e fianza:

Valor de taxación: 7.195.610 euros, IVE e calquera outro tributo non incluídos.

Fianza do 5 % do valor de taxación: 359.781 euros.

Para tomar parte na poxa, será requisito indispensable consignar esta cantidade ante a mesa da poxa. A garantía poderase constituír por calquera das modalidades previstas no artigo 96 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto 3/2011, do 14 de novembro. No caso de constituírse en metálico, deberase acreditar que foi depositada na Tesouraría da USC ou na Caixa Xeral de Depósitos ou órgano autonómico equivalente, e sempre antes de que remate o prazo de presentación de ofertas.

As ofertas, en sobre pechado, poderán presentarse en calquera dos rexistros xerais da USC: Rexistro Xeral, praza do Obradoiro, s/n, 15782, Santiago de Compostela ou en: Rexistro Xeral, Edificio Servizos Administrativos-Biblioteca Intercentros, polígono de Fingoi, s/n, 27002 Lugo.

O prazo de presentación das ofertas será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado (BOE), de acordo co previsto no prego de condicións.

A apertura das ofertas e a celebración da poxa terá lugar na sala de xuntas da Casa da Balconada, situada na Rúa Nova, 6, en Santiago de Compostela, ás 12.00 horas, 10 días hábiles despois da finalización do prazo de presentación de ofertas.

Serán por conta dos adxudicatarios os gastos de formalización do alleamento e demais impostos que correspondan.

O prego de condicións que rexerá esta poxa pode ser consultado polos interesados no Servizo de Xestión Económica da USC, Sección de Patrimonio, situado na Rúa Nova, 6, en Santiago de Compostela, ou ben na páxina web da USC:

http://www.usc.es/gl/servizos/sxe/patrimonio/index.html

Todas as incidencias que se presenten serán resoltas a teor do establecido na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, e na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos seus respectivos regulamentos de desenvolvemento.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 22.9.2015; DOG do 5 de outubro)
José Manuel Villanueva Prieto
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela