Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 30 de maio de 2016 Páx. 20758

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2016 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Mesía.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adoptou o 11.5.2016 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Mesía a favor do Concello de Mesía.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 11 de maio de 2016, da Presidencia de Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Mesía que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 11 de maio de 2016, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Mesía

Agader é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.

O Concello de Mesía solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 16.10.2015 a presidenta de Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 16.10.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 11.1.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 27.1.2016 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable sobre transmisión en propiedade do inmoble.

O 18.2.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Posteriormente a Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 17.3.2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección de Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo da proposta do director xeral de Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, ao Concello de Mesía, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, situado no concello de Mesía, que se describe a seguir:

Parcela 618 do polígono 510 da zona de concentración parcelaria de San Sebastián de Castro e Santa María de Cumbraos, no concello de Mesía, cunha extensión superficial de dúas áreas e cinco centiáreas. Limita norte con río de Fontefría, sur con camiño, leste con Pío Aller Goyanes (617) e oeste con camiño.

Na parcela localízase un lavadoiro. Segundo o título de propiedade neste predio introdúcese un regato que vai ata un muíño situado no mesmo predio.

Referencia catastral: 15048A510006180000KA.

Inscrición catastral: o inmoble figura a nome de Sociedade Anónima Xestora Bantegal, segundo certificación catastral descritiva e gráfica do 7.9.2015.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Ordes, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia; tomo 767, libro 79, folio 155, nº rexistral do predio 13.059, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a lavadoiro.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes neste que sexan de Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, e renuncia ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, ou das que non sexa titular nin a persoa cedente nin a persoa cesionaria, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica, para que o inmoble, as obras, as construcións e as instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. A persoa cedende debe remitir cada tres anos a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán pola conta da persoa cesionaria, mesmo o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, e renuncia, por tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, e nel deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste acordo.