Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 27 de maio de 2016 Páx. 20466

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2016 pola que se convoca o curso monográfico sobre cambio e motivación na función pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase o curso monográfico sobre cambio e motivación na función pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Dado o momento actual en que vivimos, con saturación de compromisos tanto persoais como profesionais, deixamos nun segundo plano noso propio desenvolvemento persoal. Este curso persegue, dunha forma totalmente práctica e experiencial, un incremento da motivación en toda persoa participante, aproveitando mellor o tempo e alcanzando máis facilmente os obxectivos marcados.

A través dunha metodoloxía moi práctica e dinámica, este curso centra as súas accións nos seguintes obxectivos:

• Definir de maneira eficaz os fins que farán que a súa felicidade e motivación aumenten.

• Tomar conciencia da importancia dos seus pensamentos ante os acontecementos do día a día.

• Descubrir as capacidades necesarias para superar a maioría dos desafíos.

• Gozar da oportunidade de experimentar a propia enerxía interior enfrontándose a un dos retos mais impactantes da súa vida.

• Experimentar unha nova sensación de poder interior para enfrontarse a calquera proceso de cambio e acción.

2. Contidos:

Defínense unha serie de puntos que servirán como fío condutor do evento:

• O mito da caverna: o que nos contaron.

• Saíndo da caverna: descubrindo un novo mundo.

• Enfrontando novos retos: oportunidade ou ameaza?

• O medo: amigo ou inimigo?

• Decidindo e aceptando: queres seguir?

• O reto: o teu primeiro paso.

• Dinámica de alto impacto: glasswalking.

3. Destinatarios:

O curso diríxese a empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local, e dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma.

4. Desenvolvemento:

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2, 4, Santiago de Compostela.

Data: 15 de xuño de 2016.

Horario: de mañá.

Duración: 4 horas lectivas.

5. Número de prazas: 24.

6. Inscrición:

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.es/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 12 de xuño de 2016.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten a certificación acreditativa da condición de empregado público e do grupo a que pentencen, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión:

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións:

A listaxe de seleccionados publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/).

9. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado electrónico de asistencia:

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública