Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 20 de maio de 2016 Páx. 19650

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2016 pola que se aproba inicialmente e se somete a información pública o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución da estación de tratamento de augas potables (ETAP) e a súa correspondente captación para a plataforma loxística industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan).

Antecedentes de feito.

1. O Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 15 de maio de 2002 (DOG núm. 108, do 6 de xuño), aprobou definitivamente o proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (en diante, Plisan). A aprobación levaba implícita a declaración de prevalencia dos intereses públicos do proxecto sectorial sobre as actuacións previstas para o aproveitamento dos recursos mineiros afectados, a declaración de utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a súa execución. Con posterioridade, o dito proxecto foi modificado polo Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 13 de xaneiro de 2011 (DOG núm. 25, do 7 de febreiro).

2. Por Resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 1 de marzo de 2004 acordouse aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa da Plisan polo procedemento de taxación conxunta, así como sometelo a información pública polo prazo dun mes.

En virtude da Resolución da Dirección Xeral de Urbanismo do 20 de xullo de 2004 (DOG núm. 152, do 6 de agosto) aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución da Plisan, para os efectos previstos polos artigos 143 e 144 da Lei 9/2002, do 30 de decembro. Esta aprobación definitiva do expediente implicaba a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 144.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

Na citada expropiación actúa como Administración expropiante o IGVS e como beneficiarias, ademais do citado organismo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Consideracións legais.

Primeiro. O procedemento do expediente expropiatorio para a execución da estación de tratamento de augas potables (en diante, ETAP) e a súa correspondente captación para a Plisan iníciase en virtude da antedita aprobación definitiva do proxecto sectorial. A este respecto, segundo o establecido no proxecto sectorial modificado, inclúese dentro da primeira fase do desenvolvemento urbanístico correspondente á execución das infraestruturas de sistemas xerais da plataforma loxística, nas cales se engloba a ETAP e a súa correspondente captación ao río Miño; concretamente, recolle o citado proxecto modificado que a parcela 161 do polígono 110, de propiedade descoñecida, estaría adscrita ao ámbito de actuación como sistemas xerais de infraestruturas, e que se adquiriría a través do sistema de expropiación para a conexión exterior de abastecemento.

Polo exposto, é necesario realizar un expediente expropiatorio para levar a cabo a execución da ETAP e a súa correspondente captación coa finalidade de dar servizo ao ámbito da Plisan, proporcionando así o seu propio abastecemento.

Segundo. O IGVS goza de postestade expropiatoria forzosa, en virtude do artigo 4.2 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.

Terceiro. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Cuarto. O expediente formúlase polo procedemento de taxación conxunta e de acordo co disposto nos artigos 118 e concordantes da citada Lei 2/2016.

Quinto. Para os efectos de fixación do prezo xusto, o seu pagamento aos propietarios e a ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno expediente, de acordo coa normativa previamente citada. Este expediente tramitarase polo procedemento de taxación conxunta e ten por obxecto a expropiación polo IGVS dos bens e dereitos necesarios para a execución da ETAP e a súa correspondente captación para a Plisan, tendo o citado organismo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo a condición de beneficiarias da expropiación.

Sexto. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é o órgano competente para asinar a presente resolución, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.2.k) do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

De conformidade co previsto no artigo 118.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, acórdase:

Primeiro. Aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución da ETAP e a súa correspondente captación para Plisan.

Segundo. Someter a información pública polo prazo dun mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, o citado proxecto de expropiación forzosa, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que xulguen convenientes, en particular, no que atinxe á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos.

Así mesmo, darase audiencia aos concellos das Neves e Salvaterra de Miño e notificarase ao Ministerio Fiscal.

Igualmente, o expediente estará exposto á disposición dos interesados nos concellos das Neves e Salvaterra de Miño e na Área Provincial do IGVS en Pontevedra, sita na rúa Alcalde Hevia nº 7 de Pontevedra. Durante o antedito prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas dirixidas á Área Provincial do IGVS en Pontevedra, así como nos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por existencia neste expediente dun único predio con propietario/s descoñecido/s, publicarase un anuncio no Boletín Oficial del Estado, o que servirá de notificación aos seus propietarios, de conformidade co artigo 59.5 da citada Lei 30/1992.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO
Relación de titulares e predios afectados pola expropiación

Núm.
de predio

Referencia catastral

Polígono

Parcela

Paraxe

Concello

Titular

Enderezo/localidade

Superficie total

Superficie expropiada

Uso

01

36034A161001100000WX

161

110

Ceña

As Neves

Descoñecido

Descoñecido

6.540 m2

1.205 m2

Forestal