Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 18 de maio de 2016 Páx. 19106

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de abril de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Lugo para a redelimitación dos sectores S-15.R e S-16.R (expediente PTU-LU-14/090).

O Concello de Lugo remitiu documentación do expediente de referencia, redactado pola arquitecta Susana Penedo Souto da empresa pública municipal Evislusa, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, pola que poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG).

Analizada a documentación achegada polo concello, en comparación co que informou a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) en data 16.10.2014 con carácter previo á aprobación inicial e, vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) Previos á tramitación do presente expediente:

– O Plan xeral de ordenación municipal de Lugo (PXOM), aprobado definitivamente de xeito parcial (29.4.2011) define a ordenación vixente nos terreos afectados pola modificación.

– A aprobación definitiva do PXOM de Lugo foi impugnada pola mercantil Bipahura, S.L. (recurso contencioso-administrativo 4320/2011) en relación coa clasificación duns terreos edificados situados na confluencia da avenida dos Deportes e a avenida Marqués de Ombreiro. O dito recurso foi resolto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante sentenza 131/2013, do 21.2.2013, pola que se obriga a excluír os ditos terreos do sector S-16.R.

– En cumprimento da sentenza, o Concello Pleno de Lugo acordou o 4.11.2013 redactar unha modificación puntual do PXOM tendente á exclusión dos terreos do sector S.16-R e a súa inclusión no lindeiro S-15.R.

b) Tramitación do expediente:

– Presentación do proxecto de modificación no Concello (20.3.2014).

– Remisión do documento á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (21.3.2014). Tras o trámite de consultas, o órgano ambiental emitiu decisión pola que eximiu a modificación de sometemento a avaliación ambiental estratéxica (28.3.2014).

– Emisión de informe pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU-16.10.2014) en que sinalaba unhas serie de deficiencias (erros materiais) que hai que emendar.

– Informes municipais dos servizos de arquitectura (23.2.2015) e urbanismo (5.3.2015).

– Informe da Secretaría Xeral do Concello (25.3.2015).

– Aprobación inicial do proxecto de modificación (acordo plenario do 6.4.2015).

– Exposición pública (22 de abril-8 de xullo de 2015) mediante anuncios nos diarios El Progreso do 21 de abril e La Voz de Galicia do 21 de abril e o DOG do 8 de maio de 2015. Non se presentaron reclamacións ou alegacións.

– Informes sectoriais:

– Confederación Hidrográfica do Miño-Sil –en diante CHMS– (20.6.2015), favorable.

– Unidade de estradas do Ministerio de Fomento en Lugo (4.8.2015), favorable.

– Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (23.7.2015).

– Deputación Provincial de Lugo (18.9.2015), favorable.

– Emisión de informes do Servizo Municipal de Urbanismo (8.10.2015 e 15.10.2015).

– Aprobación provisional da modificación (29.10.2015).

II. Análise e consideracións.

A modificación afecta un ámbito de 102,77 m2 , lindeiro coa avda. de Ombreiro, que inclúe a fronte das parcelas catastrais 6628301PH1662N0001QH e 6628302PH1662N0001PH. O PXOM inclúe os ditos terreos no sector S-16.R, cualificándoos como vías locais. Este sector, xunto co S-14.R e o S-15.R, aparece integrado na área de repartición AR-7.R.

A modificación propón a transferencia da superficie indicada cara ao sector S-15.R, de xeito que as parcelas afectadas queden integradas na súa totalidade dentro deste sector.

Co obxecto de manter o equilibrio de aproveitamento entre os tres sectores que integran a área de repartición AR-7.R (os tres sectores cos seus sistemas xerais vinculados presentan no PXOM un mesmo aproveitamento de 0,729 m2e/m2s, idéntico ao aproveitamento tipo da área de repartición) a modificación reaxusta as superficies de sistemas xerais de espazos libres adscritos aos S-15.R e S-16.R, pasando a adscribir ao primeiro 50 m2 que o PXOM adscribía ao segundo. Destes axustes derivan as correccións propostas:

– Coeficientes de ponderación aplicados para o cálculo do aproveitamento do S-16.R.

– Distribución da superficie do sistema xeral SGSR-EL-12 adscrita ao solo urbanizable.

– Importe do aproveitamento urbanístico municipal de sectores que se van desenvolver no 4º ano de vixencia do PXOM; de polígonos que se van desenvolver no 8º ano de vixencia; conxunto do solo urbanizable delimitado e urbano non consolidado, e sector S-10.R.

Analizado o documento e posto en comparación co que informou a SXOTU en data 16.10.2014 con carácter previo á aprobación inicial, púidose comprobar que se incorporaron as observacións requiridas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello de Lugo para redelimitación dos sectores S-15.R e S-16.R.

Segundo. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio