Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 13 de maio de 2016 Páx. 18457

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, convocado pola Resolución do 10 de decembro de 2014.

A base oitava da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 10 de decembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 18 de decembro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, dispón que tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Á vista das reclamacións presentadas e do acordo adoptado sobre estas polo respectivo tribunal de selección e elevado ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados en cada un dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, convocado pola Resolución do 10 de decembro de 2014.

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos