Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 10 de maio de 2016 Páx. 17844

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 27 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

BDNS (Identif.): 305302.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución, e de xeito particular deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para os anos 2016 e 2017 subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 975.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.02 (código de proxecto 2015 00154), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2016: 650.000 euros.

Ano 2017: 325.000 euros.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de maio de 2016 e o 30 de novembro de 2016 será de 80.000 €.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2016 e o 30 de abril de 2017 será de 30.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade