Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 6 de maio de 2016 Páx. 16821

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Salustiano Mato de la Iglesia, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Nigrán (Pontevedra) o 17 de novembro de 2015, ante o notario Víctor Manuel Vidal Pereiro, co número de protocolo 894, pola Universidade de Vigo, representada por Salustiano Mato de la Iglesia; o Consorcio da Zona Franca de Vigo, representado por Teresa Pedrosa Silva, e as entidades Asociación Consorcio Aeronáutico Gallego, representada por Enrique Miguel Mallón Otero; Airbus Defence and Space, S.A., representada por Antonio Rodríguez Barberán; Unión de Empresas Gallegas de Aeronáutica, S.L., representada por Jesús González López, e Industrias Delta Vigo, S.L., representada por Francisco Javier Puga González.

3. A Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia ten por obxecto, segundo establece o artigo 7 dos estatutos, a contribución ao fortalecemento, á potenciación, ao crecemento e á mellora da competitividade na industria das tecnoloxías aeroespaciais da Galicia mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. De maneira prioritaria, este obxecto concretarase na construción, dotación de recursos, posta en marcha e xestión do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

4. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, a identificación dos membros do padroado e os estatutos.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza; o domicilio, os fins e as actividades fundacionais, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, así como a designación do Padroado inicial.

6. O Padroado inicial da fundación está formado por Salustiano Mato de la Iglesia, como presidente, en representación da Universidade de Vigo; Teresa Pedrosa Silva, como vicepresidenta, en representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo; como secretario, Francisco Javier Puga González, en representación de Industrias Delta Vigo, S.L.; e, como vogais: María Asunción Longo González, en representación da Universidade de Vigo; Rosa María Eguizábal Gándara, en representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo; Fernando Alonso Fernández, en representación de Airbus Defence and Space, S.A.; Enrique Miguel Mallón Otero, en representación da Asociación Consorcio Aeronáutico Gallego, e Jesús González López, en representación da Unión de Empresas Gallegas de Aeronáutica, S.L.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de marzo de 2016 clasificouse como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e adscribiuse á Consellería de Economía, Emprego e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, polo que,

RESOLVO:

Declarar de interese galego a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como da presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas o do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería
de Economía, Emprego e Industria