Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16720

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira)

EDICTO (332/2015).

José Andrés Salgado Fernández, secretario xudicial da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por este edicto anuncio:

No recurso de casación en interese de lei 332/2015, seguido por instancia do letrado da Xunta de Galicia, ditouse a resolución cuxo encabezamento e resolución son do seguinte teor literal:

«Sentenza: 219/2016

Relator: Benigno López González

Recurso de casación en interese de lei número 332/2015

Parte recorrente: Dirección Xeral de Xustiza

Parte recorrida: Juan Carlos Dacal Insua

Ministerio Fiscal

No nome do rei.

A sección especial para o coñecemento dos recursos de casación en interese de lei da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ditou a seguinte sentenza:

José María Gómez e Díaz-Castroverde

José Antonio Méndez Barrera

Julio Cibeira Yebra-Pimentel

Benigno López González

Fernando Fernández Leiceaga

A Coruña, 6 de abril de 2016.

No recurso de casación en interese de lei autonómica 332/2015 pendente de resolución ante esta sala, interposto pola Dirección Xeral de Xustiza, representada e dirixida polo letrado da Xunta de Galicia, contra a Sentenza do 25 de marzo de 2015 ditada no procedemento abreviado 165/2014 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol sobre función pública. É parte recorrida Juan Carlos Dacal Insua, representado pola procuradora Ana Tejelo Núñez. É parte o Ministerio Fiscal.

É relator Benigno López González.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. No que atinxe á cuestión de inadmisibilidade formulada ás partes por este tribunal, leva razón a letrada da Xunta de Galicia en canto resalta a substancial diferenza existente entre a cuestión de fondo que constitúe o obxecto do debate no presente recurso e a problemática a que se contraía o recurso nº 309/2014.

Neste último, o tema de debate integrábao a aplicabilidade e entrada en vigor da supresión da paga extra correspondente ao mes de decembro de 2012 en relación co concreto persoal a que esta se refería, por Lei do Parlamento de Galicia 9/2012, mentres que, no suposto que nos ocupa, se trata dun funcionario da Administración de xustiza que reclama non o aboamento da paga extra mencionada senón o que el chama diferenza retributiva dentro do complemento autonómico transitorio.

O caso agora xulgado refírese á anualidade 2013, non á 2012, que trae a colación a sala.

Por último, a doutrina legal sentada pola Sentenza do 4 de febreiro de 2015 estableceuse nos seguintes termos: “De acordo co previsto no artigo 1.1 da Lei do Parlamento de Galicia 9/2012, a supresión da paga adicional do persoal ao servizo da Administración de xustiza no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia prevista no artigo 12.3 da Lei do Parlamento de Galicia 14/2006, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2007, farase efectiva desde a entrada en vigor desta Lei do Parlamento de Galicia 9/2012”.

Pola contra, a doutrina legal que a letrada da Xunta de Galicia trata de obter deste tribunal, no presente procedemento, formúlase nos seguintes termos: “De acordo co previsto no artigo 23 da Lei do Parlamento de Galicia 2/2013, a dedución do complemento autonómico transitorio para a anualidade 2013 dos funcionarios da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia debe realizarse nunha porcentaxe equivalente en termos anuais ao previsto no artigo 21.1.d) da Lei 2/2013, e non no de cantidades equivalentes”.

En atención ao exposto e á vista das relevantes e substanciais diferenzas entre as cuestións sometidas ao debate e decisión desta sala nun e noutro procedemento, acórdase rexeitar a inadmisibilidade do recurso, no seu momento formulada, e proseguir a tramitación procesual conforme o dereito, entrando na análise da problemática de fondo.

Segundo. O Ministerio Fiscal solicita a desestimación do presente recurso e sustenta a súa pretensión no feito de que, na súa opinión, a Administración se limita a alegar a hipotética produción dun grave quebranto ou dano económico derivado da obriga que lle xeraría, fronte ao colectivo de funcionarios de xustiza, ter que facer fronte ao aboamento de cantidades detraídas ao abeiro do artigo 23 da Lei 2/2013, no caso de que proliferasen sentenzas como a aquí impugnada, co conseguinte prexuízo dos intereses xerais, pero sen chegar a concretar o detrimento patrimonial aducido, máxime cando tampouco cuantifica, nin sequera por aproximación, o número de asuntos similares ao que nos ocupa nos cales puidesen conterse decisións como a adoptada na sentenza impugnada.

É evidente que concorre certa indefinición por parte da Administración á hora de concretar o dano aos intereses xerais. Evidente é, tamén, que descoñecemos o número de casos que poden, nun futuro, sustentarse nunha doutrina como a establecida pola sentenza impugnada, sendo susceptibles de supoñer ao erario público un detrimento económico importante.

E tales circunstancias deben ser valoradas con rigor por esta sala, dado o carácter excepcional de que goza este recurso.

Agora ben, o feito de que a sentenza de instancia non sexa susceptible de recurso ordinario, por razón da contía, o que, seguramente acontecería tamén nos hipotéticos supostos análogos que se canalizasen por vía xudicial, unido á afectación da cuestión a un importante colectivo de funcionarios e ás innegables dúbidas que, en dereito, derivan da complexidade do tema debatido, aconsellan a este tribunal mitigar aquel rigor e analizar o fondo do asunto, co obxecto de determinar a conveniencia ou non de fixar doutrina legal na materia e, dese modo, impedir que, no futuro, poidan producirse resolucións contraditorias ou prexudiciais para o interese xeral. Ese é un dos labores que, obviamente, corresponden a un tribunal superior de xustiza.

Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 101 da Lei xurisdicional, as sentenzas ditadas en única instancia polos xuíces do contencioso-administrativo, contra as que non se pode interpoñer o recurso previsto no artigo anterior, poderán ser impugnadas pola Administración pública territorial que teña interese lexítimo no asunto e polas entidades ou corporacións que desempeñen a representación e defensa de intereses de carácter xeral ou corporativo e tivesen interese lexítimo no asunto, polo Ministerio Fiscal e pola Administración da comunidade autónoma, en interese da lei, mediante un recurso de casación, cando consideren gravemente danosa para o interese xeral e errónea a resolución ditada.

Nestes recursos unicamente poderá axuizarse a interpretación e aplicación de normas emanadas da comunidade autónoma que fosen determinantes da resolución impugnada.

O coñecemento do recurso encoméndase a unha sala especial cuxa composición vén determinada no artigo 99.3 do devandito corpo normativo, remitíndose no referente a prazos, procedemento e efectos ao previsto no mesmo texto legal para os recursos de casación en interese de lei interpostos ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.

Cuarto. Se, de conformidade co anteriormente sinalado, o obxecto do presente recurso é o exame da aplicación da normativa autonómica realizada na sentenza impugnada e resultando desta que a estimación da demanda se produciu por entender o xuíz de instancia que, no concreto caso do demandante, a redución salarial que se lle practicou foi sobre o complemento autonómico transitorio, que é un concepto salarial de determinación autonómica, computándose en termos anuais e indo máis aló do establecido no artigo 23 da Lei 2/2013, na medida que é superior e non pode entenderse calculada mediante unha porcentaxe equivalente ao resultante da aplicación do indicado na letra d) do número 1 do artigo 21 da devandita lei, debemos concluír que o obxecto do recurso o constitúe a análise interpretativa das expresadas normas.

En consecuencia, o obxecto do recurso limítase a determinar as declaracións contidas na sentenza impugnada respecto á redución retributiva que recolle o repetido artigo 23 na súa relación co artigo 21.1.d), ambos os dous da Lei 2/2013. É dicir, tal e como se infire do escrito de interposición do recurso, a determinación de se a redución do complemento autonómico transitorio para a anualidade 2013 dos funcionarios da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia, a que alude o artigo 23 da Lei 2/2013, debe realizarse nunha porcentaxe equivalente en termos anuais ao previsto no artigo 21.1.d) da mesma lei, e non no de cantidades equivalentes.

Quinto. Sostén a letrada da Xunta de Galicia que o xuíz de instancia considera, na sentenza impugnada, que a porcentaxe de redución aplicada aos funcionarios de xustiza non debe ser maior que a aplicada sobre o complemento específico aos funcionarios da Xunta de Galicia. E tal consideración a representación recorrente repútaa como errónea, ao abeiro do artigo 23 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, toda vez que a fórmula que se utiliza respecto dos funcionarios da Xunta de Galicia non é de aplicación ao persoal de xustiza dado que estes últimos non perciben paga adicional de complemento específico, polo que non poden usarse equivalencias como as tidas en conta na sentenza para ambos os dous colectivos, ao comparar aquel xulgador cantidades, cando o que deben compararse son porcentaxes de redución segundo as fórmulas previstas na lei.

A Orde da Consellería de Facenda, do 11 de marzo de 2013, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2013, concreta a aplicación do axuste retributivo establecido na expresada lei, establecendo a non percepción en 2013 dunha contía coincidente coas pagas adicionais do complemento específico de xuño e decembro, para o persoal incluído no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia que desempeñe postos de traballo para os que o Goberno da comunidade autónoma tivese aprobado a aplicación do seu réxime retributivo na devandita Lei da función pública galega; non así para o resto do sector público autonómico, entre os que se inclúe o persoal de xustiza, respecto do que prevé a dedución dunha porcentaxe análoga sobre as súas retribucións íntegras anuais. Iso responde á necesidade de garantir a equidade do axuste entre todos os traballadores públicos.

Obvio parece que o cálculo do axuste, en relación aos funcionarios de xustiza, debería realizarse sobre as súas retribucións íntegras anuais e non sobre o complemento autonómico transitorio; pero obvio é, tamén, que dado que este concepto retributivo é de determinación autonómica, co obxecto de non invadir modificativamente o ámbito de determinación estatal, aplíquese sobre o devandito complemento o importe económico calculado sobre as retribucións íntegras anuais.

A porcentaxe de redución das retribucións dos funcionarios de xustiza debe ser equivalente á porcentaxe que resulta da redución que experimenten as retribucións do resto de funcionarios autonómicos; de aí que non poida ter acollida, e con iso o acerto da sentenza atacada, a pretensión principalmente deducida polo demandante de que a porcentaxe de redución se calcule exclusivamente sobre o complemento autonómico transitorio e non sobre as retribucións íntegras anuais como establecen o artigo 23 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, e a Orde de 11 de marzo de 2013. A única exixencia, derivada do respecto á equidade e igualdade antes mencionadas, estriba en que a porcentaxe aplicada ao total das súas retribucións íntegras sexa equivalente ao que resulta de aplicar a redución prevista para o resto de funcionarios autonómicos.

Sexto. Tampouco cabería acoller en opinión desta sala a petición, subsidiariamente, formulada polo demandante -e aquí apréciase o erro interpretativo por parte do xuíz de instancia na sentenza impugnada-, toda vez que a fórmula de cálculo que o demandante aduce como utilizable, non lle é de aplicación, por dúas razóns: unha, que el forma parte dun colectivo diferente daquel para o que se prevé a mencionada regra de cálculo, e outra, que a devandita fórmula responde ao desenvolvemento dun precepto (o 21.1.d) da Lei 2/2013) diferente do que lle é aplicable (artigo 23 da citada lei).

Como xa queda dito, o artigo 21.1.d) prevé un sistema de cálculo consistente na aplicación dunha porcentaxe sobre o complemento específico e non debemos esquecer que o recorrente non percibe ese complemento, senón que percibe, con carácter transitorio, unha contía retributiva en substitución daquel que non reúne as características propias do complemento específico e que constitúe unha provisional resposta, pactada coas organizacións sindicais, tendente a evitar a perda de concretas retribucións ata o momento en que, tamén, se aprobe o complemento específico para os funcionarios de xustiza, o que exixe a aprobación previa das relacións de postos de traballo neste ámbito.

De aí que a fórmula de cálculo cuxa aplicación postulaba o demandante non poida, se é o caso, ser utilizada ao estar prevista para outra clase de funcionarios e para outro tipo de complemento retributivo. O feito de que o complemento autonómico transitorio substitúa, en relación cos funcionarios de xustiza, o complemento específico propio do resto de funcionarios autonómicos non o transforma en complemento específico.

Certo é que ao demandante se lle detraeron durante o ano 2013 cantidades da súa nómina e, para saber se tales detraccións eran contrarias ao dereito, habería que determinar previamente se a redución se fixo a través do complemento específico e do complemento autonómico transitorio; se a devandita redución, en termos anuais, se realizou en porcentaxe equivalente ao resultante da aplicación do previsto no artigo 21.1.d) da Lei 2/2013, que establece que o complemento específico anual que, se é o caso, estea fixado ao posto que se desempeña, experimentará, respecto á súa contía en 1 de xaneiro de 2012, unha redución equivalente á suma das pagas adicionais correspondentes aos meses de xuño e decembro, percibíndose en doce mensualidades. E esta última circunstancia, partindo de que a fórmula de cálculo que invoca non lle é de aplicación, non quedou acreditada polo demandante, razón pola que debería terse producido a desestimación da demanda.

En consecuencia, procede estimar o recurso de casación en interese de lei que promove a letrada da Xunta de Galicia e fixar a doutrina legal postulada pola devandita representación, a cal terá relevancia de cara ao futuro sen afectar en nada a decisión contida na sentenza impugnada. Por congruencia co suplico do escrito de interposición do referido recurso, a doutrina legal fíxase nos seguintes termos: “De acordo co previsto no artigo 23 da Lei do Parlamento de Galicia 2/2013, a dedución do complemento autonómico transitorio para a anualidade 2013 dos funcionarios da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia debe realizarse nunha porcentaxe equivalente en termos anuais ao previsto no artigo 21.1.d) da Lei 2/2013, e non no de cantidades equivalentes”.

Non obstante, non está de máis expoñer que tal doutrina implica que a única esixencia, derivada do respecto á equidade e igualdade entre os funcionarios da Administración de Xustiza e o resto de funcionarios autonómicos, radica en que a porcentaxe aplicada ao total das retribucións íntegras anuais dos primeiros sexa equivalente ao que resulta de aplicar a redución prevista no artigo 21.1.d) para os demais funcionarios desta comunidade autónoma, sen que sexa aplicable aos primeiros a fórmula de cálculo utilizada para estes últimos. Pois a equivalencia prevese para as porcentaxes de redución en termos anuais, non para as cantidades resultantes desa operación.

Sétimo. De conformidade co disposto no artigo 139 da Lei xurisdicional, na redacción dada pola Lei 37/2011, do 10 de outubro, de axilización procesual, non procede facer imposición das custas do presente recurso a ningunha das partes.

Vistos os preceptos citados e demais disposicións de xeral e pertinente aplicación,

Decidimos que estimando o recurso de casación en interese de lei interposto pola letrada da Xunta de Galicia contra a Sentenza do 25 de marzo de 2015, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol, no procedemento abreviado nº 165/2014, debemos fixar como doutrina legal a seguinte:

“De acordo co previsto no artigo 23 da Lei do Parlamento de Galicia 2/2013, a dedución do complemento autonómico transitorio para a anualidade 2013 dos funcionarios da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia debe realizarse nunha porcentaxe equivalente en termos anuais ao previsto no artigo 21.1.d) da Lei 2/2013, e non no de cantidades equivalentes”.

Todo iso sen facer expresa imposición das custas procesuais.

Notifíquese a presente sentenza ás partes, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ningún.

Ordénese a publicación da presente sentenza no Diario Oficial de Galicia para os efectos do prevido no artigo 101.4 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos».

E de conformidade co ordenado na parte dispositiva da sentenza, acórdase a publicación da presente sentenza no Diario Oficial de Galicia para os efectos do prevido no artigo 101.4 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 8 de abril de 2016

O letrado da Administración de xustiza