Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2016 Páx. 15563

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 8 de abril de 2016 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

BDNS (Identif.): 304430.

De conformidade co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva de data anterior á mencionada no punto cuarto desta resolución.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que, estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non a solicitasen nos catro anos inmediatamente anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención ou que, téndoa presentado nese período, rematase o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade de 2016, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións están recollidas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia, número 58, do 23 de marzo), polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Cuarto. Orzamento

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 4.000.000 euros coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

08.80.451A.780.0: 3.500.000 € (axudas no ámbito rural).

08.80.451A.780.2: 500.000 € (axudas no ámbito histórico e dos Camiños de Santiago).

A contía máxima de cada subvención será de 6.600 € na modalidade de remate de fachadas e rehabilitación e a cantidade de 8.600 € na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda