Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13746

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 6 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios do concurso infantil de poesía orientado aos fillos e fillas dos empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia con idades entre os 8 e os 14 anos.

BDNS (Identif.): 303480.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións ( http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index ):

Primeiro. Participantes e contido

Poderán optar aos premios os fillos e fillas dos empregados do sector público autonómico de Galicia con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Os textos versarán sobre o homenaxeado este ano o día das letras galegas, Manuel María, e a súa obra. A extensión será dun folio e só se terán en conta para a valoración as obras escritas en lingua galega.

Segundo. Dotación dos premios

Existirán tres premios, cada un deles coa seguinte dotación económica:

– 1º premio: 250 euros.

– 2º premio: 200 euros.

– 3º premio: 150 euros.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán esta convocatoria serán as contidas na Resolución do 6 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, baixo o réxime de concorrencia competitiva, do concurso de poesía infantil orientado aos fillos e fillas de empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia, con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Forma de presentación

A solicitude, anexo I, irá acompañada dun sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de poesía infantil da EGAP, o pseudónimo e título do poema. Este sobre incluirá:

1. O texto do poema en folio formato A4. Na cabeceira indicarase exclusivamente o título/lema do poema presentado e o pseudónimo. Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar o participante e romper o anonimato.

2. Un sobre pequeno pechado no cal constará o pseudónimo e o título/lema do poema. Este sobre conterá os seguintes documentos:

– Boletín de inscrición (anexo II), que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

– Fotocopia do libro de familia onde consten os datos de nome e idade do fillo que se presenta ao concurso.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta. Outros datos

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas do ámbito literario e docente. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da EGAP proposto pola súa dirección.

O presidente dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producírense. A composición do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os fillos dos membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos, de así o considerar o xurado.

Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o sobre relativo ás obras presentadas, e manterá custodiado o sobre relativo á súa identificación ata que se resolva o procedemento.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016

Sonia Rodríguez-Campo González
Directora da Escola Galega de Administración Pública