Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13704

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1.20 da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, dispón no seu artigo 39 que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente en materia de igualdade, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, e a tentar axudarlle a romper coa situación de violencia. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación da situación de violencia de xénero, e que será o departamento competente en materia de igualdade o encargado de regular as bases da convocatoria e as contías das axudas, dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2016.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Artigo 2. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.031.944,40 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2016: 728.382,00 euros.

Ano 2017: 1.303.562,40 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2016, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipadas/os e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 5. Requisitos das solicitantes

1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 7.2.a) desta resolución emitido no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude e, de ser o caso, cun informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.

b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

c) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

2. A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibisen esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade.

Artigo 6. Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía

1. A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce (12) mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 15 desta resolución, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

2. A contía que poderá acadar esta axuda establecerase na convocatoria en función das rendas e ingresos da solicitante na data de presentación da solicitude desta axuda.

3. Para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non se terán en conta as rendas individuais do agresor nin a vivenda habitual da vítima.

Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que se poidan deducir do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o cincuenta por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas.

As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes, xunto documentación, presentaranse na forma e prazos que se indican no artigo 2 desta resolución.

2. A solicitude da axuda deberá presentarse no modelo anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero derivada de convivencia mediante algún dos documentos seguintes:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición e a data na que se produciu o cesamento da convivencia.

5º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición e a data na que se produciu o cesamento da convivencia.

Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos deben estar adoptados ou emitidos no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Así mesmo, a orde de protección ou a medida cautelar terán que estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

No caso de que, para a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, se presente algún dos documentos recollidos nos puntos 1, 2 ou 3 anteditos e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia, deberase achegar ademais un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, no seu defecto, a declaración responsable da solicitante, recollida no anexo I de solicitude. En ambos os casos, deberá constar a data na que tivo lugar o cesamento da convivencia. No caso de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio,...), segundo o previsto no artigo 6.3 desta resolución. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación se se autoriza expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

c) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/dos súas/seus fillas/os menores ou menores en acollida, a cargo da solicitante, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. No caso de documentos emitidos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia non será preciso achegar a devandita certificación se se autoriza expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

d) Acreditación de fillas/os menores a cargo, a través da copia cotexada do libro de familia e/ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están ao seu cargo (informe de servizos sociais, certificado de empadroamento conxunto, resolución xudicial de custodia,...), de ser o caso.

No caso de que a solicitante teña ao seu cargo menores en situación de acollemento, deberá achegar copia cotexada da resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación, nos supostos en que esta fose expedida por unha Administración distinta á Xunta de Galicia, ou aínda sendo expedida pola Xunta de Galicia, non autorizase expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

e) Copia cotexada do DNI ou NIE en vigor da solicitante só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

f) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, en vigor, só no caso de non autorizar a consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de que ao órgano xestor non lle fose posible a consulta dos anteditos datos, poderá requerirlle á solicitante a copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, en vigor.

g) Certificado de empadroamento da solicitante só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de residencia.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se producise nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento no que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, ou non sexa posible a súa comprobación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 9. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no suposto de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá á solicitante para que no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixese no prazo indicado, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivo sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 10. Resolución e réxime de recursos

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3 desta resolución. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web. De producirse o esgotamento do crédito nunha data na que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda, establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde, para a súa resolución:

1º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 6 da presente resolución.

2º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

3º. Maior número de fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

4º. Maior idade da solicitante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. A duración e contía das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

5. A secretaria xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

6. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle correspondesen segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a beneficiaria non reinicia a convivencia co agresor ou solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá recadar canta información estime necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta bancaria que as solicitantes fixesen constar na solicitude, debendo permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 12. Modificación e suspensión da axuda

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación ou suspensión da resolución da concesión.

2. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor poderá iniciar un procedemento de revisión no momento no que teña constancia, ben a través das actuacións levadas a cabo no seguimento das axudas previstas no artigo 16 desta resolución, ben a través de calquera outro medio de comprobación, de que variaron as circunstancias da concesión, ou cando a dita comprobación no sexa posible. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ata que se dite resolución definitiva de modificación ou de suspensión da concesión, ou se deixe sen efecto a dita suspensión, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.

3. En todo caso, se durante a percepción da axuda, o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a beneficiaria reiniciou a convivencia co agresor, ou de que a beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda. Poderán ser excepcionadas da suspensión definitiva da axuda aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local.

4. No suposto de que durante a percepción da axuda se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o seu cálculo inicial procederase á modificación da concesión polo período restante da axuda, minorándose o seu importe para a súa regularización.

No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 5.1.d) desta resolución resolverase a suspensión definitiva da axuda.

Artigo 13. Reintegro

1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedinte copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 14. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda e, en todo caso, a actualizar e remitirlle con carácter semestral as declaracións responsables recollidas no anexo II.

3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local, así como a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.

4. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, busca activa e mellora de emprego, e calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 15. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.

2. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude.

2.1. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude, xa que, de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de cinco (5) días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición. Transcorrido o prazo de cinco (5) días desde a data recepción do escrito de opción pola solicitante sen recibir ningunha comunicación ao respecto no órgano xestor, este procederá á resolución por incompatibilidade e ao arquivo do expediente.

2.2. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no punto anterior, agás no caso de que autorice expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade a consulta de datos que consten en poder do Servizo Público de Emprego Estatal.

3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas tales como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para a percepción destas axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, polo que no momento de recibir a notificación de concesión deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.

Artigo 16. Seguimento e control

1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a secretaria xeral da Igualdade, e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a seguir, ademais daqueloutros que se consideren salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 11.2 desta resolución e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 17. Infraccións e sancións

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.es.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento, e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse, os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Violencia de xénero» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: igualdade@xunta.es.

Artigo 20. Publicidade

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 21. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e demais normativa de aplicación.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file